O goberno de Lara Méndez adquire o compromiso dos propietarios da UI -1 para desenvolver esta Unidade de Actuación

Na última semana a rexedora e o edil de Urbanismo Sostible mantiveron varios encontros con parte dos propietarios para desbloquear a situación na que se atopa o parking Anxel Fole

Xoves, 19 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro Miguel Couto acaban de adquirir o compromiso da parte maioritaria dos propietarios da Unidade de Actuación UI -1, na que se atopa o parking Anxel Fole, para desenvolvela coa maior brevidade coa fin de rematar cos problemas urbanísticos que presenta a zona.

“Durante a última semana a rexedora e máis eu reunímonos en varias ocasións con algúns dos titulares destes inmobles do Casco Histórico coa finalidade de atallar a conflitividade que pode supoñer o inminente peche do aparcamento.  Xuntanzas nas que foron abordados os procedementos que continúan pendentes para materializar os proxectos tanto de compensación como de urbanización da contorna”, indica Miguel Couto.

O edil responsable de Urbanismo anunciou que, en canto eses proxectos sexan entregados, o executivo de Lara Méndez garante, pola súa banda, a maior das dilixencias na súa tramitación, unha axilidade que se verá favorecida pola recente implantación da e-administración que posibilita a dixitalización do proceso.

“Trátase dunha problemática que non é recente, da que o equipo de goberno non é allea e na que, de feito, leva moito tempo traballando de forma permanente e responsable para axustarse á legalidade pero tamén tratando de manter un servizo indispensable para a cidadanía como é que este estacionamento continúe aberto, contribuíndo a mellorar a mobilidade na capital. Até o momento os pasos dados polo Concello foron sempre resolutivos e agardamos que nesta ocasión, ao igual que noutras ocasións, se peche unha solución que axude ao ben común”, concluíu Miguel Couto.

Noticias relacionadas