O Goberno abre o prazo para a votación das propostas dos Orzamentos Participativos

Existen dúas canles para participar, unha telemática, a través de loop.lugo.gal, e outra presencial, no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá e tarde. O prazo remata o 14 de novembro

Luns, 05 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno abre o prazo para a votación das propostas dos Orzamentos Participativos

O Goberno abre hoxe o prazo para a votación das propostas dos Orzamentos Participativos. Poderán facelo todos aqueles veciños e veciñas censados en Lugo, maiores de 14 anos ata o 14 de novembro.

Existen dúas canles para participar: unha telemática, para a que é preciso verificar a conta antes 8 de novembro, ás 23:59 horas; co fin de que cada persoa só poida emitir un voto. A verificación realizarase a través da aplicación loop.lugo.gal. E unha segunda de xeito presencial, de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 19:00 horas, no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza Anxo Fernández Gómez. A persoa que opte por este xeito de participación deberá presentar o seu DNI.

Esta é a terceira fase dos Orzamentos Participativos, tras unha primeira de recollida de propostas, e unha segunda de avaliación de ditas propostas, por parte dun equipo técnico municipal. En total a cidadanía poderá escoller entre unhas 110 propostas.

O orzamento municipal destinado a accións de orzamentos participativos é de 350.000€. Todas as propostas viables teñen asociado un custo, polo que se poderá votar todas as propostas que se consideren interesantes ata o límite do orzamento previsto. A medida que se vaian seleccionando propostas o custe vaise descontando do orzamento total. Ao final da fase de votación, realizarase un reconto de maneira automática e transparente dos votos de cada proposta e as máis votadas son as que o Goberno levará a cabo.

Con este proceso, o equipo de Lara Méndez fomenta a participación veciñal, promove que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e que se convirta en protagonista activa do que pasa no seu municipio e mellora a comunicación entre o Concello e a veciñanza.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

Noticias relacionadas