O Concello de Lugo disporá este 2022 de 106’8 millóns de euros para pular pola recuperación económica e social do municipio

A Corporación aprobou hoxe, cos votos en contra da oposición, o vindeiro orzamento no que se inclúen máis de 30 millóns de euros dirixidos a políticas sociais.

Un proxecto, segundo defendeu a concelleira de Gobernanza, que será de novo solidario e expansivo e que dará continuidade ás medidas xa habilitadas para saír reforzados da etapa post -pandemia.

No vindeiro exercicio a Administración local dedicará 4’8 millóns a favorecer o emprendemento, un obxectivo ao que se suma a iniciativa Lugo Transforma.

Os parques infantís da cidade recibirán un 1,8 millóns para a súa mellora á que tamén contribuirá a entrada en vigor dos novos contratos para o mantemento de zonas verdes e a limpeza viaria.

Lara Méndez: “Uns orzamentos nos que a oposición nin está nin se lle espera, pero cos que impulsaremos a dinamización de Lugo e o seu crecemento con altura de miras, anticipación e compromiso”.

Luns, 20 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo disporá este 2022 de 106’8 millóns de euros para pular pola recuperación económica e social do municipio

O Concello de Lugo disporá en 2022 dun orzamento de 106’8 millóns de euros co que o Goberno de Lara Méndez pretende consolidar a senda da dinamización económica iniciada o pasado exercicio, pero tamén manter o escudo social que a Administración local teceu en 2020 para fracer fronte á pandemia.

Así, o Pleno da Corporación aprobaba hoxe, cos votos en contra da oposición, o presuposto do próximo ano no que teñen cabida partidas, por un importe superior aos 30 millóns de euros, para sufragar políticas sociais.

A tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, subliñou, durante a súa exposición, que “un ano máis deseñamos un proxecto expansivo e solidario,  consciente da situación sanitaria que aínda atravesamos, que inclúe actuacións valentes, que nos posicionan como cidade de futuro, pero tamén e, sobre todo, especialmente rigorosas nas que ímos apoiar a nosa capacidade de acción para superar a crise que vivimos”

“Nun escenario aínda incerto, pola deriva que poida tomar a Covid, estes orzamentos están baseados na planificación rigorosa dos gastos e ingresos, dos que agardamos un bo comportamento en materia de recadación pero tamén do crecemento, estimado nun 31’1%, das achegas procedentes do Estado a través da participación nos seus tributos, pasando dos 17’5 millóns actuais aos 23 millóns”, sinalou a concelleira.

Alvarellos Fondo aludiu precisamente aos fondos europeos Next Generation como “auténtico revulsivo para a dinamización do municipio que xunto aos efectos positivos da iniciativa Lugo Transforma, servirán para propiciar o cambio económico que precisa a cidade e darlle pulo á súa reindustrialización, de maneira que, en 2022, o capítulo de investimentos públicos, que inicialmente recolle 11’1 millóns, poderá alcanzar os 20 millóns coa incorporación destas subvencións logo do seu outorgamento”.

“En definitiva – apuntou Alvarellos Fondo - case 107 millóns que dotarán ao concello dunha maior fortaleza. Vigor que se sustenta na calidade dos servizos e nunha mellor atención á cidadanía porque é o benestar das persoas, especialmente as máis vulnerables, o que ocupa o centro das nosas prioridades”.

Neste senso, a edil destacou que ao redor de 30 millons € se destinarán a políticas sociais e asistenciais, especialmente dirixidas ás familias e á infancia, á emerxencia social, á atención ás  e aos maiores e dependentes, á exclusión social, etc.

“Así, a partida para o Centro de Día crecerá un 39% e consolidaranse as axudas de emerxencia social e aluguer, cun investimento de 600.000 mil euros que se completará con programas de inserción social (216.247 €)”, referiu.

En relación ao Servizo de Igualdade e á Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán con 808.070 euros.

A mocidade terá tamén un papel fundamental na área de Xuventude que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable se reservan 3’3 millóns de euros.

“Tamén neste 2022 mantemos o noso compromiso de colaboración cos empresarios, emprendedores e autónomos, para que no próximo exercicio, poidamos poñer en marcha distintas accións que axuden á diversificación económica dos diferentes sectores produtivos. Un fin ao que destinaremos preto de 4’6 millóns de euros e que inclúe iniciativas como a estratexia de dinamización do comercio local en todos os barrios da capital ou os obradoiros de formación”, indicou.

Antes de rematar a súa exposición, a concelleira de Gobernanza fixo fincapé no modelo de cidade sostible, dentro da segunda Gran Transformación que está a experimentar Lugo da man de Lara Méndez, na que teñen un protagonismo especial os servizos e gastos correntes.

“O vindeiro ano a súa consignación crecerá un 3’13%, ata os 55’4 millóns de euros, o que supón a metade do orzamento e co obxectivo de dar resposta aos retos das sociedades modernas en materia de mobilidade. Isto implica garantir que os nosos sistemas de transporte respondan ás necesidades económicas, sociais e medioambientais e con este obxectivo incrementarase ata os 2’6 millóns de euros a partida destinada ao autobús urbano, para que se poidan implantar modificacións. Tamén impulsaremos accións de promoción do uso da bicicleta, xa que no 2022 estarán xa operativos na súa totalidade os 14 quilómetros de senda verde ciclista”, afirmou Alvarellos Fondo.

A edil lembrou que será ao novo servizo de limpeza e recollida de residuos ao que se destinarán máis recursos, cun orzamento de 13.800.889 euros anuais, así como para sufragar o contrato de conservación e mantemento das zonas verdes e arboredo, que duplicará o seu importe actual.

Tanto a responsable da área económica como a alcaldesa, Lara Méndez, que concluíu a sesión, destacaron a importancia do Pleno celebrado esta tarde.

“Hoxe é para nós un día sinalado, no que vimos de validar uns orzamentos cos que pretendemos que ninguén se quede atrás. Uns orzamentos nos que, xa non é unha novidade, a oposición nos amosa unha vez máis que non está disposta a contribuír ao reto que se nos aveciña: que Lugo se dinamice, creza e saia reforzado dunha etapa tan crucial como esta que esixe de altura de miras, de anticipación, dun proxecto de cidade que xa se empeza a visualizar como realidade e tamén do firme compromiso que temos neste Executivo para defendelo e poñelo en marcha, priorizando o interese xeral”, concluíu a rexedora.

Audio

Adxúntanse os enlaces á sesión plenaria:

Noticias relacionadas