Lugo disporá dende o próximo luns dos 106’8 M € dos Orzamentos Municipais de 2022 para impulsar a recuperación do municipio

A alcaldesa sinala que o derradeiro trámite para a súa entrada en vigor será a publicación, mañá venres, do seu anuncio no BOP, logo de que non se presentara ningunha alegación ao proxecto.

Neste exercicio a Administración local dedicará máis de 30 millóns de euros a políticas sociais e 4’8 millóns € a favorecer o emprendemento, apoiado tamén na Estratexia Lugo Transforma.

A entrada en vigor dos novos contratos para o mantemento de zonas verdes e a limpeza viaria mellorará o estado dos parques da cidade, nos que se investirán 1’8 M de euros.

Xoves, 20 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo disporá dende o próximo luns dos 106’8 M € dos Orzamentos Municipais de 2022 para impulsar a recuperación do municipio

O Concello de Lugo disporá dende o vindeiro luns, 24 de xaneiro, dos Orzamentos do 2022. Dotados con 106’8 millóns de euros, axudarán a consolidar a senda da dinamización económica iniciada o pasado exercicio, pero tamén a manter o escudo social que a Administración local comezou a tecer en 2020 para fracer fronte á pandemia e ás súas consecuencias.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cualificou os presupostos como “a ferramenta imprescindible” que permitirá materializar os proxectos programados e seguir ofrecendo á veciñanza un amplo abano de servizos públicos de calidade. “Nun contexto histórico, no que un dos principais obxectivos destas contas será contribuír a que o municipio saia reforzado da crise social e económica na que está derivando a COVID, dedicaremos máis de 30 millóns de euros a políticas asistenciais”, asegurou a rexedora.

Así, os Orzamentos, irán destinados, entre outras actuacións, a ampliar os espazos peonís, crear novas urbanizacións, zonas verdes, parques infantís e áreas de esparexemento e deportivas. “En definitiva, con eles melloraremos o patrimonio e a conectividade de Lugo, as infraestruturas e as dotacións públicas, tanto na cidade como no rural”, sinalou Méndez ao tempo que incidiu no feito de que “todos os proxectos manterán, como eixo transversal, a perspectiva de xénero e a loita contra o cambio climático”.

A alcaldesa fixo fincapé igualmente na rigorosa planificación dos gastos e ingresos na que se basean. “De maneira que en 2022 agardamos un bo comportamento en materia de recadación fiscal pero tamén do crecemento - estimado nun 31’1% - das achegas procedentes do Estado a través da participación nos seus tributos, pasando dos 17’5 millóns actuais aos 23 millóns”.

A rexedora aludiu precisamente aos fondos europeos Next Generation como “auténtico revulsivo para a dinamización do municipio que xunto aos efectos positivos da iniciativa Lugo Transforma, servirán para propiciar o cambio económico que precisa a cidade e darlle pulo á súa reindustrialización”, engadiu.

O anuncio, mañá vernes, do documento no BOP será o derradeiro trámite que permitirá a Administración local comezar a empregalos dende xaneiro, ampliando o prazo de execución a practicamente todo o ano.

Lara Méndez quixo destacar, alén, o feito de que durante o proceso de alegacións, que rematou o pasado mércores, 19 de xaneiro, non fora presentada nin unha soa reclamación ao respecto nin por parte de colectivos ou particulares, nin tampouco pola dos grupos da oposición que, como vén sendo costume, non apoiaron estas contas, tampouco achegaron, nos cauces establecidos, ningunha outra proposta para modificalas”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a entrada en vigor dos Orzamentos do 2022 | Descargar mp3

Noticias relacionadas