Medio Ambiente destina 18.000 € á roza dos parques Marcos Cela e Paxariños e das zonas verdes do polígono das Gándaras

Miguel Fernández, supervisou o inicio dos labores na contorna da Volta da Viña. Un control que realiza de forma permanente para velar pola calidade do servizo.

A limpeza e acondicionamento destes espazos debe licitarse por separado ao non estar incluídos na adxudicación actual para o mantemento dos xardíns municipais.

Xoves, 26 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente destina 18.000 € á roza dos parques Marcos Cela e Paxariños e das zonas verdes do polígono das Gándaras

A área de Medio Ambiente leva a cabo estes días a roza e acondicionamento dos parques Marcos Cela e Paxariños e das zonas verdes do polígono industrial das Gándaras, unha intervención á que o Concello de Lugo destina 18.000 euros.
O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, supervisou o transcurso dos labores, un control que está a realizar de forma permanente para velar pola calidade do servizo.

O responsable de área, informou que os traballos arrincaron xa no parque Marcos Cela (35.000 m2), que consistirán fundamentalmente, na sega da herba de forma manual con motodesbrozadora - incluída a contorna de mesas, bancos e camiños - e na retirada dos restos vexetais e árbores caídos, así como a poda de arbustos e as ramas máis baixas do arboredo.

“Dende o Servizo de Medio Ambiente procedeuse á contratación, por separado, destas tarefas xa que ningún destes espazos aparece contemplado na concesión actual para o mantemento dos xardíns municipais. Así, foi preciso elaborar unha proposta de gasto para poder executalas que, logo de iniciarse xunto á zona verde da Volta da Viña, en próximas xornadas se acometerán nas contornas axardinadas sitas ao carón de Fontiñas (40.000 m2) - no que será preciso empregar un tractor de rodas e unha rozadora de martelos nas zonas máis amplas - e no polígono industrial das Gándaras (44.760 m2) onde se intervirá nas rotondas, medianas e demais espazos verdes públicos”, explicou Fernández.

Esta actuación, súmase ás que xa se están a realizar na cidade dentro da planificación da concellería de Medio Ambiente, tanto por parte dos operarios municipais como das empresas que se encargan do mantemento en todos os barrios, con distintos operarios, de xeito manual así como con diversa maquinaria e medios propios do Parque Móbil do Concello.

O edil indicou, alén, que “a nosa vontade é ter en perfecto estado estes parques para o uso e desfrute da veciñanza, co obxectivo de que estean en óptimas condicións e se aproveiten como lugares de práctica deportiva e esparexemento, como tamén actuar de xeito preventivo en materia de incendios, por salubridade e ornato, e en prol de mellorar a seguridade viaria, como pode ser no caso dos accesos ao parque empresarial”, concluíu Miguel Fernández.

Noticias relacionadas