O Concello de Lugo actualiza a ‘Liña Verde’ coa que a veciñanza pode trasladar, dun xeito directo, as incidencias de mantemento da cidade

A nova App, que leva o nome de ‘BitPayt, Lugo Verde nas Túas Mans’, entrou en funcionamento logo da transición á que obrigou o cambio de concesionaria da limpeza.

A través dela as persoas usuarias poderán solicitar servizos como a recollida de enseres e achegar avisos relativos ao estado das rúas, os colectores ou o mobiliario urbano.

Luns, 16 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo actualiza a ‘Liña Verde’ coa que a veciñanza pode trasladar, dun xeito directo, as incidencias de mantemento da cidade

A nova “Liña Verde” do Concello de Lugo se atopa, dende hoxe, novamente operativa.

Baixo o nome de ‘BitPayt, Lugo Verde nas Túas Mans’ a área de Transición Ecolóxica, que dirixe Miguel Fernández, vén de reactivar a nova aplicación logo da transición obrigada desta prestación á nova concesionaria do servizo de limpeza municipal.

“A implantación de Luce Lugo contemplaba nos pregos da licitación o desenvolvemento deste programa de comunicación directa coa cidadanía polo que foi necesario renovala e actualizala – traballos que se acometeron no último mes e medio – para permitir que poida sincronizarse coa páxina web do servizo municipal, propiciando o intercambio de información entre os dous soportes”, indicou Miguel Fernández.

O edil subliñou que ‘BitPayt, Lugo Verde nas Túas Mans’ ten por vocación fomentar a participación da poboación poñendo o uso das novas tecnoloxías ao servizo da veciñanza.

“A través desta App, sinxela e moi intuitiva no seu manexo, os e as lucenses dispoñen novamente dunha canle directa co Concello para informar de xeito inmediato de todas aquelas incidencias que gardan relación co mantemento das dotacións públicas da cidade”, engadiu Fernández.

Así, as persoas usuarias que queiran empregala só terán que descargala e rexistrarse nela de xeito gratuíto para comenzar a utilizala.

“A partir dese momento poderán formular peticións e achegar avisos sobre a situación na que se atopan os colectores de lixo ou as papeleiras, se están cheos, avariados, se presentan danos ou se atopan desbordados, pero tamén poderán dar conta de maiores necesidades de aseo en vías da capital pola presenza de pintadas, de vertidos de aceite ou doutro tipo de residuos e sucidade, e mesmo solicitar a recollida de enseres, de restos de poda, etc, incluíndo a posibilidade, ademais, de notificar calquera outra problemática vencellada coa rede de sumidoiros, control de aves, conservación de parques e xardíns, entre outras opcións”, abondou o concelleiro.

Miguel Fernández sinalou que un equipo de expertos atenderá con celeridade e dará resposta a todas esas notificacións para darlles non só solución, senón que tamén informará á ou ao interlocutor de como avanza a tramitación das mesmas. “De maneira que todas esas comunicacións activas quedarán ancoradas na páxina principal para favorecer o seu seguimento”.

Igualmente, o tenente de alcaldesa de Transición Ecolóxica anunciou que a través de BitPayt, Lugo Verde nas Túas Mans’ as e os usuarios disporán, así mesmo, dunha Guía de Reciclaxe con toda a información sobre a separación selectiva , “tratando de favorecer deste xeito o uso de boas prácticas ambientais no desenvolvemento dun municipio sostible”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

 

Noticias relacionadas