Lara Méndez convida á veciñanza a gozar do primeiro Ecoparque urbano de Lugo, sito en Campo Castelo

A rexedora, acompañada do edil de Transición Ecolóxica, inauguraba esta tarde as instalacións nas que o Concello investiu 312.748 €.

A actuación implicou unha remodelación integral da zona, que se ampliou en máis de 70 m², substituíndo as escaleiras por ramplas para incrementar a accesibilidade.

Durante as obras, renovouse, alén dos elementos de xogo, o peche perimetral de toda a área, incluída a infantil, semellando un gran banco que convida á socialización.

Méndez manifestou que “esta reforma contribúe a mellorar a estética da zona PEPRI, favorecendo á transición serena deste espazo cara a Praza Maior e o Concello”.

Xoves, 21 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida á veciñanza a gozar do primeiro Ecoparque urbano de Lugo, sito en Campo Castelo

O municipio de Lugo conta dende hoxe co primeiro Ecoparque Urbano da cidade.

Ubicado no Campo Castelo, a alcaldesa, Lara Méndez, poñíao a disposición da cidadanía esta mesma tarde.

A intervención, na que o Concello investiu 312.748 euros, tivo por obxecto a ampliación en máis 70 m² e a remodelación integral desta céntrica área de xogos para convertela nun novo espazo de lecer aberto e integrador en prol da convivencia interxeración e en harmonía coa contorna na que se atopa.

Para iso, optouse por unha solución arquitectónica que adaptou o espazo, rompendo co concepto de parque pechado que ofrecía ata o momento e permitindo, segundo subliñou a rexedora, “unha transición serena da renovada dotación pública cara a Praza Maior e o Concello, respectando os condicionantes da súa localización e mellorando a estética da zona PEPRI”.

Méndez fixo fincapé na identidade propia do recinto, que combina o eco – deseño con outros recursos urbanos, de esparexemento, visuais e paisaxísticos que axudaron a resolver os límites espaciais e favoreceron que a instalación pareza, no seu conxunto, unha extensión cara a Casa Consistorial e a Praza Maior, incrementando a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo”, incidiu.

De feito - abondou a mandataria - “as escaleiras foron substituídas por ramplas, e os cerramentos, tanto deste parque como do recinto infantil próximo, son agora moito menos invasivos adoptando unha configuración de murete revestido que simula madeira e que exerce de banco para favorecer a socialización”.

Durante o acto de apertura, que se acompañou dunha chocolatada para as crianzas que estrearon o Ecoparque, Lara Méndez subliñou que a accesibilidade e a sostibilidade foron as dúas premisas transversais da actuación, xa que todo o mobiliario procede da reciclaxe de plásticos e conta cun certificado de baixa pegada de carbono, cumprindo así os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

“Todos os xogos e o mobiliario do Parque Infantil de Campo Castelo teñen os selos ‘Made Green’: produtos feitos a base de materiais reciclados post-consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) e ‘Born Green’, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes”, lembrou.

Igualmente, todo o parque dispón agora dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie.

En canto ao mobiliario urbano, o responsable de Transición Ecolóxica referiu que o parque está equipado con papeleiras elaboradas con residuos que de forma cotiá se desbotan ao lixo. “Ademais, foron recolocadas as arquetas existentes e se incrementou a iluminación para aumentar a súa versatilidade no inverno, substituíndo os dous farois por outros tres de maior eficiencia enerxética, en consonancia co resto de actuacións que o Executivo de Lara Méndez está a levar a cabo nos diferentes barrios da cidade en prol da súa humanización”, apuntou Miguel Fernández.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a previa apertura do Ecoparque en Campo Castelo | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez convida á veciñanza a gozar do primeiro Ecoparque urbano de Lugo, sito en Campo Castelo
  • Lara Méndez convida á veciñanza a gozar do primeiro Ecoparque urbano de Lugo, sito en Campo Castelo
  • Lara Méndez convida á veciñanza a gozar do primeiro Ecoparque urbano de Lugo, sito en Campo Castelo

Noticias relacionadas