O Concello convoca o concurso de ideas para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros

A Alcaldesa presentou aos colexios de arquitectos, arquitectos técnicos e de enxeñeiros de camiños, agrícolas e industriais a iniciativa, cuxas bases se publicarán a primeiros da vindeira semana no Perfil do Contratante

“Queremos que estes profesionais formen parte activa deste proxecto de cidade, que dinamizará a vida social e comercial de Lugo grazas a unha solución urbanística innovadora que buscamos converter en referencia internacional”

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, centrado na “recuperación de espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades de lecer e comerciais”

O concurso de ideas, dotado con 21.300€ e que estará resolto a finais de ano, inclúe o deseño tanto da peonalización, como da cuberta da rúa para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles 

Venres, 10 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello convoca o concurso de ideas para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a convocatoria do concurso de ideas para o deseño da humanización da rúa Quiroga Ballesteros, cuxas bases sairán publicadas a principios da vindeira semana, entre o luns e o mércores, no Perfil do Contratante, na web do Concello (www.lugo.gal). Fíxoo na xuntanza que mantivo no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra con representantes dos colexios de arquitectos, arquitectos técnicos e de enxeñeiros de camiños, canles e portos, industriais e agrícolas, aos que presentou a iniciativa porque, aínda tratándose dun contrato menor, polo que, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, non estaría obrigado a dar publicidade e podería facer unha adxudicación directa, “quixemos implicar a estes profesionais, quixemos que formen parte activa deste proxecto de cidade que supoñerá un antes e un despois en Lugo, dinamizará a vida social e comercial grazas a unha solución urbanística innovadora nun centro neurálxico como é a confluencia da praza de abastos e o mercado, e que buscamos converter en referencia internacional”, subliñou Méndez.

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, “unha cidade máis humana, accesible, cómoda, sostible, con máis espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades comerciais e de lecer”, explicou a rexedora, quen lembrou neste senso actuacións municipais, en marcha ou en previsión, como a peonalización da propia rúa Quiroga Ballesteros e do entorno da Praza da Milagrosa, a implantación de zonas a 30 e con preferencia para ciclistas, o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e dun novo modelo de acceso ao casco histórico ou a humanización da avenida Duquesa de Lugo, así como os proxectos que se acometerán cos 22 millóns de euros de fondos europeos que captou o Executivo: o ESUDI, que implicará, entre outras obras, a reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao Anxo Carro, a ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI ou a descontaminación dos solos do barrio do Carme; o Smart City e o Life.

Acordes e compatibles

O concurso de ideas, dotado con 21.300 euros e que estará resolto a finais de ano, inclúe o deseño e elaboración tanto da proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, como da cuberta, para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles, pois nunha primeira fase acometeranse as obras de peonalización, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, e nunha segunda, as da instalación da cuberta, que como máximo terán un custe de 400.000 euros.

O ámbito de actuación abranque a rúa Quiroga Ballesteros, dende Bolaño Rivadeneira ata a Praza de Santo Domingo, e o fronte do edificio da praza de abastos, incluído o calexón do Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. (ADXÚNTASE PLANO)

Zonas verdes e luz natural

En canto á parte da peonalización, no concurso de ideas pídese a previsión de arborado, zonas verdes, mobiliario urbano e espazos para que se poidan autorizar terrazas aos establecementos de hostalería, así como a reserva de a lo menos un itinerario peonil accesible, e a entrada e saída de peóns de portais e locais comerciais.

Á hora de licitar e executar a peonalización incluiranse, en función do recollido no concurso de ideas, os elementos da cuberta que deban quedar soterrados co fin de non ter que demoler pavimentos cando se leve a cabo a estrutura, pois esta non deberá ter ningún elemento de suxección nas fachadas dos edificios. A cuberta protexerá tanto da choiva coma do sol, e permitirá o paso da luz natural.

O proxecto levará consigo tamén a renovación das redes de abastecemento e saneamento, e o soterramento da instalación de alumeado público e de todo o cableado por fachada de todas as compañías subministradoras. Esta parte foi redactada xa polo servizo municipal de Enxeñería, e será incorporada á proposta de humanización gañadora mediante a redacción do correspondente proxecto refundido.

O xurado que valorará as propostas estará formado pola Alcaldesa; o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas; un arquitecto de Patrimonio da Xunta e un proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; un enxeñeiro de camiños, canais e portos de Galicia; un representante dos comerciantes da rúa Quiroga Ballesteros; un representante das asociacións de Lugo que traballan pola accesibilidade; e un enxeñeiro técnico agrícola, un arquitecto e un enxeñeiro do Concello.  

O equipo autor da proposta de humanización gañadora redactará primeiro o proxecto técnico de peonalización e logo o da cuberta.

A raíz da reunión mantida hoxe pola Alcaldesa cos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros, o Concello estudará introducir nas bases do concurso de ideas as propostas que estes profesionais fixeron en canto a prazos de presentación dos traballos e documentación relativa aos mesmos. En calquera caso, a intención do Concello é ter resolto o concurso antes de que finalice o ano.

Documento

Noticias relacionadas