Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello convoca o concurso de ideas para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros

O Concello convoca o concurso de ideas para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros

A Alcaldesa presentou aos colexios de arquitectos, arquitectos técnicos e de enxeñeiros de camiños, agrícolas e industriais a iniciativa, cuxas bases se publicarán a primeiros da vindeira semana no Perfil do Contratante

“Queremos que estes profesionais formen parte activa deste proxecto de cidade, que dinamizará a vida social e comercial de Lugo grazas a unha solución urbanística innovadora que buscamos converter en referencia internacional”

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, centrado na “recuperación de espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades de lecer e comerciais”

O concurso de ideas, dotado con 21.300€ e que estará resolto a finais de ano, inclúe o deseño tanto da peonalización, como da cuberta da rúa para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles 

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Venres, 10 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello convoca o concurso de ideas para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a convocatoria do concurso de ideas para o deseño da humanización da rúa Quiroga Ballesteros, cuxas bases sairán publicadas a principios da vindeira semana, entre o luns e o mércores, no Perfil do Contratante, na web do Concello (www.lugo.gal [1]). Fíxoo na xuntanza que mantivo no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra con representantes dos colexios de arquitectos, arquitectos técnicos e de enxeñeiros de camiños, canles e portos, industriais e agrícolas, aos que presentou a iniciativa porque, aínda tratándose dun contrato menor, polo que, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, non estaría obrigado a dar publicidade e podería facer unha adxudicación directa, “quixemos implicar a estes profesionais, quixemos que formen parte activa deste proxecto de cidade que supoñerá un antes e un despois en Lugo, dinamizará a vida social e comercial grazas a unha solución urbanística innovadora nun centro neurálxico como é a confluencia da praza de abastos e o mercado, e que buscamos converter en referencia internacional”, subliñou Méndez.

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, “unha cidade máis humana, accesible, cómoda, sostible, con máis espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades comerciais e de lecer”, explicou a rexedora, quen lembrou neste senso actuacións municipais, en marcha ou en previsión, como a peonalización da propia rúa Quiroga Ballesteros e do entorno da Praza da Milagrosa, a implantación de zonas a 30 e con preferencia para ciclistas, o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e dun novo modelo de acceso ao casco histórico ou a humanización da avenida Duquesa de Lugo, así como os proxectos que se acometerán cos 22 millóns de euros de fondos europeos que captou o Executivo: o ESUDI, que implicará, entre outras obras, a reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao Anxo Carro, a ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI ou a descontaminación dos solos do barrio do Carme; o Smart City e o Life.

Acordes e compatibles

O concurso de ideas, dotado con 21.300 euros e que estará resolto a finais de ano, inclúe o deseño e elaboración tanto da proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, como da cuberta, para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles, pois nunha primeira fase acometeranse as obras de peonalización, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, e nunha segunda, as da instalación da cuberta, que como máximo terán un custe de 400.000 euros.

O ámbito de actuación abranque a rúa Quiroga Ballesteros, dende Bolaño Rivadeneira ata a Praza de Santo Domingo, e o fronte do edificio da praza de abastos, incluído o calexón do Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. (ADXÚNTASE PLANO)

Zonas verdes e luz natural

En canto á parte da peonalización, no concurso de ideas pídese a previsión de arborado, zonas verdes, mobiliario urbano e espazos para que se poidan autorizar terrazas aos establecementos de hostalería, así como a reserva de a lo menos un itinerario peonil accesible, e a entrada e saída de peóns de portais e locais comerciais.

Á hora de licitar e executar a peonalización incluiranse, en función do recollido no concurso de ideas, os elementos da cuberta que deban quedar soterrados co fin de non ter que demoler pavimentos cando se leve a cabo a estrutura, pois esta non deberá ter ningún elemento de suxección nas fachadas dos edificios. A cuberta protexerá tanto da choiva coma do sol, e permitirá o paso da luz natural.

O proxecto levará consigo tamén a renovación das redes de abastecemento e saneamento, e o soterramento da instalación de alumeado público e de todo o cableado por fachada de todas as compañías subministradoras. Esta parte foi redactada xa polo servizo municipal de Enxeñería, e será incorporada á proposta de humanización gañadora mediante a redacción do correspondente proxecto refundido.

O xurado que valorará as propostas estará formado pola Alcaldesa; o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas; un arquitecto de Patrimonio da Xunta e un proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; un enxeñeiro de camiños, canais e portos de Galicia; un representante dos comerciantes da rúa Quiroga Ballesteros; un representante das asociacións de Lugo que traballan pola accesibilidade; e un enxeñeiro técnico agrícola, un arquitecto e un enxeñeiro do Concello.  

O equipo autor da proposta de humanización gañadora redactará primeiro o proxecto técnico de peonalización e logo o da cuberta.

A raíz da reunión mantida hoxe pola Alcaldesa cos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros, o Concello estudará introducir nas bases do concurso de ideas as propostas que estes profesionais fixeron en canto a prazos de presentación dos traballos e documentación relativa aos mesmos. En calquera caso, a intención do Concello é ter resolto o concurso antes de que finalice o ano.

Documento

  • Plano humanización Quiroga Ballesteros | Descargar pdf [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-convoca-o-concurso-de-ideas-para-o-deseno-da-humanizacion-de-quiroga-ballesteros

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal/
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/091117_plano_humanizacion_quiroga_ballesteros_0.pdf