O Concello aproba o proxecto para dotar de alumeado ao paseo e estrada do río Rato, no marco dun convenio de colaboración coa Deputación

Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno Local e Provincial polo cinto verde da cidade, e por ampliar a utilización de espazos públicos para o seu uso público

Na sesión desta mañá, deuse luz verde á modificación do prazo máximo de resolución do (Con) trato feito!, ata o 31 de decembro. O cambio prodúcese debido ao elevado número de solicitudes, máis de 150

Adxudicado o mantemento do conxunto de aplicacións de xestión municipal TAO do Concello a T-SYSTEMS ITC IBERARIA SAU, por un ano e un orzamento para a primeira anualidade duns 94.700 euros

Mércores, 09 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou este mércores de que a Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o proxecto para a execución da actuación da iluminación do Paseo Fluvial do Río Rato e da estrada LU-P-2925, enmarcado dentro dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación. En virtude do proxecto aprobado hoxe, o organismo provincial poderá aprobar na súa Xunta de Goberno o vindeiro venres o inicio do proceso de contratación de ditas obras.

Tal e como adiantou Fernández, este proxecto de alumeado do paseo fluvial do río Rato e da estrada provincial que discorre ao seu carón, suporá a instalación de alumeado público, de eficiencia enerxética, nun traxecto de máis de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid (Casa María) e o Parque do Sagrado Corazón. Trátase dunhas actuacións valoradas en preto de 1,4 millóns de euros, que asumirá integramente a Deputación. Posteriormente, a entidade local farase cargo do mantemento e consumo de enerxía.

O alumeado desta zona, que responde a unha demanda dos veciños e veciñas plantexada nos Orzamentos Participativos da Deputación, enmárcase na aposta, tanto da entidade local como da provincial polo cinto verde da cidade. A intención de ambos os dous Gobernos é potenciar as zonas verdes, non soamente co alumeado público, senón con outras melloras posteriores, co obxectivo de ampliar a utilización de espazos públicos para o seu uso público.

Fernández lembrou que para acometer estas obras, foi necesario pedir 8 permisos a diferente institucións. A que máis se demorou foi a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que contestou recentemente, e ademais, fixo unha recomendación á Deputación para que aplicara ao proxecto. O organismo provincial acometeu dita recomendación coa máxima axilidade, que se baseaba en separar os postes de luz 5 metros do cauce do río, o que implicou un recálculo da potencia necesaria para alumear tanto o paseo como a estrada, e garantir así a seguridade viaria. Tras a aprobación do proxecto na sesión deste mércores, a Deputación xa pode iniciar o proceso de contratación das obras este mesmo venres, trámite que porá en marcha o Goberno Provincial.

Ampliación prazo máximo de resolución do (Con) trato feito!

Na sesión celebrada esta mañá, deuse luz verde á modificación do prazo máximo de resolución establecido nas bases e convocatoria do primeiro plan de emprego 100% municipal, (Con) trato feito!, ata o 31 de decembro deste mesmo ano. O cambio, que será notificado aos interesados, prodúcese debido ao elevado número de solicitudes, máis de 150, así como a escaseza de persoal. Nesta liña, o Goberno vén de reforzar a semana pasada a área de emprego, tras declarala como servizo esencial, cun técnico, para atender ditas solicitudes.

Mantemento de aplicacións de xestión municipal

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno aprobou este mércores adxudicar o mantemento do conxunto de aplicacións de xestión municipal TAO do Concello. Segundo indicou Fernández, quen lembrou que se fixo por procedemento negociado con T-SYSTEMS ITC IBERARIA SAU, “posto que é a única que dispón das correspondentes licenzas para poder dar o servizo”, o contrato, que ten unha duración dun ano, prorrogable por outro, conta cun orzamento para a primeira anualidade duns 94.700 euros.

Audio

Noticias relacionadas