Lugo tinguirase de negro, por segundo ano consecutivo, para amosar a súa repulsa ás violencias machistas

Faino baixo a campaña conxunta de sensibilización no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coa denominación En Negro Contra a Violencia, á que se sumou tanto o Concello como a Deputación de Lugo

Ana Abelleira e Sonsoles López coincidiron na sensibilización da cidadanía para acabar con esta lacra social así como en reclamar máis recursos económicos, materiais e de equipamentos

As e os interesados en participar nesta campaña poden facelo a través da Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org ou no teléfono 982-29-74-12

Luns, 13 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo tinguirase de negro, por segundo ano consecutivo, para amosar a súa repulsa ás violencias machistas

Lugo tinguirase de negro, por segundo ano consecutivo, para amosar a súa repulsa ás violencias machistas. Faino baixo a campaña conxunta de sensibilización no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coa denominación En Negro Contra a Violencia, á que se sumou tanto o Concello como a Deputación de Lugo. Trátase de facer visible a protesta contra as violencias machistas a través dunha campaña na que participan establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos ou centros escolares, a través de camisetas, mandís, pulseiras ou outros distintivos que amosen, con contundencia, a repulsa da sociedade a un problema público, a violencia machista. Faise ademais de xeito global e transversal, con coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticos, implicando ao tecido económico, social e cultural, para identificar e transmitir a mesma mensaxe a través da cor negra.

Así o deron a coñecer este luns a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, que coincidiron na sensibilización da cidadanía para acabar con esta lacra social, con 90 feminicidios ao longo deste ano, 49 deles oficiais e o resto en investigación.

No acto, Ana Abelleira, pediu coordinación ás administracións e entidades que participan na loita contra a violencia de xénero, "porque debemos ter vergoña das cifras que se manexan nesta materia". Así mesmo agradeceulle á todas e todos os participantes que se uniron ata o momento, uns 300 na cidade, e que queren, xunto ao Concello e Deputación, que non exista un caso máis de violencia machista. Tamén convidou a todos os que queiran a participar a anotarse a esta visibilización conxunta, "porque se incrementan os casos de violencia de xénero, porque aumenta nun 22% o número de denuncias e porque a Administración Autonómica, na súa última campaña, cosifica ás mulleres". Poden facelo a través da Casa da Muller, no Parque da Milagrosa, no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org, ou no teléfono 982-29-74-12.

Así mesmo, a edil tamén lle pediu ao Goberno Central recursos económicos, materiais e de equipamentos, así como que cumpra cos acordos establecidos no Pacto de Estado e dote de novo de recursos económicos e competencias aos Concellos, concretamente vía transferencia ás entidade locais, un incremento anual de 20 millóns de euros para o desenvolvemento das medidas correspondentes contempladas no devandito pacto, "posto que estamos a falar do papel fundamental que xogan os Concellos como institución máis próxima á cidadanía e ás necesidades sociais, na prevención e atención específica a través de información, asesoramento, protección e acomapñamento á vitimas".

Para rematar, Ana González fixo un chamamento para favorecer a cultura de igualdade e abandoar a de sumisión, "porque as mulleres somos parte da sociedade". Pediu un compromiso activo día a día, individual e colectivo.

A acción desenvolverase entre o 15 e 26 de novembro e encádrase dentro dos actos que este ano programan tanto o Concello como a Deputación de Lugo con motivo do 25N.

Actividades do 25N en Lugo

Ao abeiro desta data, a entidade local e a provincial organizan o venres, 24 de novembro, ás 12:30 horas, na Praza de San Marcos, a lectura dun manifesto, unha acción conxunta na data e hora con outros concellos e deputacións galegas que se adheriron a esta campaña.

Ademais, o sábado 25 de novembro, ás 11:30 horas, no Salón de Plenos do Concello, terá lugar o acto de entrega do premio do concurso de deseño gráfico, convocado pola entidade local. Posteriormente, ás 12:00 horas, haberá unha ofrenda floral, como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia. Será diante a árbore da vida, na Praza de Santo Domingo, cunha lectura dun manifesto, actuación muscial e solta de globos. Para rematar a xornada, ás 13:00 horas, en colaboración con distintas asociacións, clubs deportivos e centros educativos, rodearase a Muralla de bandeirolas negras e izarase un lazo de globos na Mosqueira.

López Izquierdo explicou “que dende o Goberno da Deputación reeditamos a nosa colaboración con esta campaña co obxectivo de educar e concienciar á cidadanía, ao tempo que visibilizamos o grande problema que existe na actualidade, pois durante este ano son xa 44 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas; e nos últimos 10 anos, a cifra supera as 700”. Neste senso, a Deputada de Benestar e Igualdade subliñou que “a loita contra a violencia de xénero debe ser unha prioridade para todas as administracións, que ademais, ten que ir acompañada de medios económicos e dunha lexislación forte, que protexa os dereitos e liberdades de todas as mulleres, e deste xeito acabar con esta lacra social”.

Actualmente están adheridos á campaña En negro conta as violencias 13 Concellos da provincia: Alfoz, Becerreá, Burela, Castroverde, Láncara, Lourenzá, Lugo, O Corgo, Rábade, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. O Goberno da Deputación achegará aos municipios o material necesario para a realización da campaña: pancartas, camisetas, pulseiras e chapas.

Actividades nos 4 museos da provincia

O Goberno da Deputación ofrece obradoiros e actividades durante a semana do 20 de novembro nos 4 museos da Rede Museística Provincial: Museo Provincial de Lugo, Museo Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar e Museo Fortaleza de San Paio de Narla. As actividades son as seguintes:

- Desde o 20 ao 25 de novembro nos 4 museos: poñerase en marcha un fotocoll que se poderá ver a través do blog http://25denovembro.blogaliza.org.

- O luns, 20 de novembro de 10:30 a 12:30 horas no Museo Provincial de Lugo: terá lugar o obradoiro para o Secretariado Xitano, a cargo de Encarna Lago e Violeta Bernardo.

- O martes, 21 de novembro ás 11:30 horas no Museo Pazo de Tor: celebrarase o obradoiro Palabras que unen Palabras /Palabras que separan para CIM Monforte e ACADAR, a cargo de Encarna Lago. Realización Pantone da Ribeira Sacra, a cargo de Ivan Merayo. Conferencia de Víctor Fraga, de APCA (Asociación penitenciaria ‘Concepción Arenal’).

- O mércores, 22 de novembro no Museo Provincial do Mar:

Ás 11:30h.-Comezo das actividades no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. Os participantes no obradoiro “Fotografía a cegas” documentarán  os traballos sobre problemáticas de maltrato realizados polo alumnado deste centro, traballo que realizarán co resto das actividades programadas para esta xornada.

Ás 13:30 h.- Xantar de confraternidade.

Ás 16:00h.- No Museo Provincial do Mar e na praia d’O Torno, encontro do alumnado do IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao, e do CIFP Ánxel Casal - Monte Alto, A Coruña, estudantes do ciclo de Mediación Comunicativa que desenvolven o proxecto “Escribir a vida. Dicir o mundo”. Usando como lenzo a area escribirán palabras que ao anoitecer reflectiran pensamentos en positivo contra o maltrato.

- O sábado, 25 de novembro: con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller 2017, prográmanse obradoiros para familias arredor do tema e do lema “Denunciar a violencia. Escribir a liberdade” nos 4 museos. Ademais no Museo Provincial do Mar terálugar o obradoiro : Eu son o que eu soño, dirixido a rapaces de entre 4 e 14 anos, e con 15 prazas dispoñibles.; e no Museo Pazo de Tor realizaranse visitas guiadas en clave feminina, expoñendo a análise dos fondos relativos ao papel social da muller ao longo do tempo.

Spot, reportaxes e actividades da Tic da Deputación

A Fundación TIC da Deputación elaborará un spot e diversas reportaxes para difundir a campaña En negro contra as violencias por toda a provincia. Ademais, os alumnos e traballadores da TIC sumaranse á loita contra a violencia machista con varias actividades, entre as que destaca En Camiño contra a Violencia, un proxecto que se desenvolverá o venres 24 de de novembro, e que comezará ás 11:30 horas na Escola de Imaxe e Son e que rematará na praza de San Marcos, onde haberá unha posta en escena despois da lectura do Manifesto.  Todos os cidadáns que se animen a participar na marcha recibirán un banderín negro co logotipo da campaña: En negro en contra as Violencias. En Camiño contra a Violencia recolle as propostas dos alumnos e alumnas de primeiro de produción da EIS, que tamén son os encargados da súa organización.

Xunto ao de Lugo, forman parte desta campaña outros 74 concellos e máis de 3.000 establecementos e axentes sociais. A campaña, que naceu en Compostela hai 3 anos, conta cun dominio web, ennegrocontraaviolencia.gal, no que calquera persoa interesada pode descargar os recursos.

Audio

Multimedia

  • Lugo tinguirase de negro, por segundo ano consecutivo, para amosar a súa repulsa ás violencias machistas

Noticias relacionadas