O Executivo de Lara Méndez tingue de violeta a Praza Maior para desmontar o machismo neste 25-N

Baixo o lema “A Violencia Machista parámola Unidas”, a área de Cohesión Social aposta pola difusión cultural e unha  campaña de sensibilización da man do tecido asociativo e produtivo da cidade.

Entre as actividades inclúese a exposición Desmontado o machismo, na que a través de 13 paneis, colocados nas inmediación dos xardíns da Casa consistorial, sinálanse os principais mitos elaborados polo postmachismo contra o feminismo.

“A actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”, sinalou a alcadesa.

Martes, 21 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez tingue de violeta a Praza Maior para desmontar o machismo neste 25-N

O Executivo de Lara Méndez, a través da Area de Cohesión Social que dirixe Ana González Abelleira, desenvolve desde hoxe, e ata o próximo 2 de decembro, unha completa programación para conmemorar o Día Internacional para a eliminación de violencia contra a muller. Baixo o lema “A Violencia Machista parámola Unidas”, o Goberno local aposta pola difusión cultural e as campañas de sensibilización como ferramentas para acadar o obxectivo de que a cidadanía siga implicándose nesta loita. “A actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de tódas as formas de violencia contra as mulleres”, sinalou a alcadesa durante a presentación dos distintos eventos.

“Nesta edición, implementaremos a actividade Desmontado o machismo, na que a través de 13 paneis colocados na Praza Maior sinalaremos os principais mitos elaborados polo postmachismo contra o feminismo”, explicou a rexedora. A mostra é unha viaxe no tempo na que, a través das mensaxes iluminadas, se rebaten os principais argumentos ideados para desmotar a realidade social na que se actúa de forma violenta contra a muller polo simple feito da súa condición. Aspectos como os distintos tipos de agresións, o concepto de masculinidade, ou os mitos sobre a culpa e a coresponsabilidade son abordados neste espazo expositivo ao aire libre.

Así mesmo,  a alcaldesa animou a toda a cidadanía a participar nestas actividades e recordou o simbolismo da tradiconal lectura do manifesto e ofrenda floral que terá lugar o día 25 ás 12 horas frorte a Árbore da Vida, na praza de Santo Domingo, e que contará coa actuación musical de Rut León. “As rúas de Lugo deben ser o escaparate transmisor da mensaxe de denuncia e solidariedade dun Lugo libre de violencia machista e libre de toda violencia contra as mulleres e nenas. O noso comercio,  as nosas empresas, os vehículos profesionais ou os locais de hostalaria poden ser este ano protagonistas desta loita usando mensaxes que sensibilicen sobre a materia para rematar coa sociedade patriarcal semente desta forma de violencia”, afirmou a rexedora.

Nesta liña, a área de Cohesión Social deseñou para este 25-N, en colaboración co tecido asociativo e a comunidade escolar, distintas campañas de concienciación que perseguen continuar reforzando o apoio social ás vítimas e involucrar ao tecido económico e social da cidade. Nestas accións colaboran a asocación de Mulleres Empresarias, o Secretariado Xitano e os IES Anxel Fole e Ollos Grandes. “Involucrar nesta reivindicación ao tecido social e económico, así como a veciñanza en xeral, é a mellor forma de ampliar horizontes é desmotar o movento reaccionario actual contra a igualdade de xénero. Non podemos retroceder nin un milímetro nos dereitos acadados”, sinalou González Abelleira.

De xeito complementario estas campañas, celebrarase un ciclo de cine no que as proxeccións realizaranse en distintos centros socioculturais da cidade. Así, o próximo día 25, o Vello Cárcere acolle o pase de Te doy mis ojos, de Icíar Bollaín. No mesmo escenario, o día 2 de decembro, se poderá visionar Herself, de Phyllida Lloyd. Pola súa parte, no centro de convivencia de Lamas de Prado proxectarase a curta Viejas que hierven, de Violeta Tapia, e a longametraxe Salir de puta, de Sofía Rocha. Ademais o centro de Milagrosa albergará o próximo día 1 La Reina, de Manuel Abramovich e Las Lindas, de Melisa Liebenthal. Todas as  sesións serán de balde e comezarán ás 17 horas.

Audio

  • A edil de Cohesión Social, Ana González Abelleira, sobre o 25-N | Descargar mp3

Noticias relacionadas