A exposición itinerante ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’ pode visitarse ata o domingo na Praza Maior

Ao longo deste mes o Concello organiza actividades culturais e de ocio como o festival Feminist Fest, actuacións de teatro e maxia, e deportivas a través do ‘Corre con elas’.

Venres, 08 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A exposición itinerante ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’ pode visitarse ata o domingo na Praza Maior

O Executivo Municipal, a través da Casa da Muller, dependente da concellería de Cohesión Social, organiza, con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, unha exposición itinerante baixo o título ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’, que visibiliza o camiño, non exento de dificultades, que as mulleres científicas deben percorrer para que o seu traballo sexa recoñecido e valorado na súa xusta medida.  Esta exposición poderá visitarse do 5 ao 10 de marzo, na Praza Maior; do 11 ao 17 de marzo, na Praza de Augas Férreas; do 18 ao 24 de marzo, na Praza da Milagrosa; e do 25 ao 31 de marzo, na Praza do Castiñeiro.

Ademais, mañá sábado, 9 de marzo, a partir das 18:00 horas celébrase na Praza da Mosqueira o Feminist Fest coa participación do grupo de pandereteiras A Volta do Agro, grupo creado en Lugo no ano 1995 composto por mozos e mozas da provincia; os grupos Nebra, proxecto inspirado na música tradicional galega das cantareiras, en combinación con sons de electrónica, baixo eléctrico e percusión, e The Tetas’ Van, banda creada en 2011 co obxectivo de divertir transmitindo e reivindicando o feminismo; así como de Yaya DJ, artista que mestura temas de onte e de hoxe.

Por outra banda, tamén haberá actuacións de teatro e maxia para a igualdade, dirixidas ao público infantil e familiar, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. As sesións están programadas os martes de marzo a partir das 18:00 horas. A primeira, baixo o título “Somos iguais na maxia” celebrouse o día 5, no centro de convivencia Maruja Mallo da man de Elisa e Ian; a segunda “Asdomare”, interpretada por Vero Rilo e Sonsoles Penadique, será no auditorio do Vello Cárcere, o día 12; e, finalmente, o 19 de marzo o MIHL acollerá a sesión “Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cine”, da artista Raquel Queizás.

Así mesmo, este sábado, a partir das 16:00 horas, terá lugar no salón de actos da Deputación o XVI Encontro da Muller Xorda de Galicia, organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e a Asociación lucense, coa colaboración do Concello.

Finalmente, o domingo 24 de marzo celebrarase o ‘Corre con Elas’, correspondente á terceira proba do circuito Larsa Corre con Nós 2024, en homenaxe ás nenas, mozas e mulleres deportistas. Contará con catro categorías: minis (ás 12:00 horas); sub 10/sub 12 (ás 12:05 horas); sub 14/sub 16 (ás 12:15 horas) e sénior (a partir das 12:30 horas).

Noticias relacionadas