Lugo prepárase para sete días de entroido, cunha trintena de actividades e 7.000 euros en premios

Carmen Basadre presentou a programación organizada polo Concello, que ofrece teatro, música, concursos de disfraces e de ferretes, unha feira, degustación de filloas e unha ludoteca infantil dende o xoves 4 ao mércores 10 de febreiro

Mércores, 27 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Carmen Basadre

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este mércores no Salón de Plenos a programación para todos os públicos que o Concello de Lugo organiza para o entroido 2016. “Trátase dunha ampla oferta de actividades, dende actuacións musicais e teatro a concursos de disfraces e de ferretes, unha feira de produtos típicos, degustación de filloas ou unha ludoteca infantil”, subliñou Basadre.

A edil fixo fincapé no esforzo e traballo do Concello para que todos os veciños e veciñas poidan gozar da alegría que caracteriza ao entroido, ao tempo que destacou as numerosas actividades –unha trintena- que se reparten por toda a cidade dende o xoves 4 ao mércores 10 de febreiro. Neste senso, Basadre convidou a todos os lucenses e visitantes a participar no entroido.

Programación

A Banda Municipal e o grupo de percusión Odaiko quentarán o ambiente festivo do entroido o xoves 4 de febreiro, ás 19:30 no Auditorio Municipal. Lois Pérez Díaz será o encargado de ler o pregón do entroido na Casa do Concello o sábado 5 ás 20:00 horas. Posteriormente celebrarase o Entroido Escénico, a cargo do grupo de teatro da Asociación Down Lugo e Os Palimoquiños e Cia. As charangas Garrafón.com, a Excusa e Os Amigos do Manolo amenizarán esta xornada.

O sábado 6, terá lugar na Praza da Soidade, a partir das 10:00 horas, a Feira de Produtos Típicos do Entroido, amenizada polos Virtusoso do Tinto. Ás 17:00 horas comezará o gran concurso de disfraces infantil , que repartirá vales por lotes de libros valorados en preto de 1.000 euros. Este mesmo día, a Ronda das Fontiñas, a Praza do Campo, o barrio de Recatelo, Campo Castelo, San Pedro e a Praza Mártires de Carral acollerán diversas actuacións musicais.

O domingo 7 arrancará cunha degustación de filloas na Praza da Soidade. A xornada contempla diversas actuacións musicais así como un baile de entroido no Mercado Municipal de Abastos ás 18:30 horas. O 8 de febreiro os máis cativos poderán gozar cunha ludoteca de xogos xigantes ás 18:30 horas no Mercado Municipal.

Para o martes de entroido o Concello ten preparadas actuacións musicais e o gran concurso de disfraces de adultos, que repartirá 6.000 euros en premios. O Velorio e o posterior enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes poñerán o broche de ouro ao entroido do 2016.

As inscricións para os concursos de disfraces deberán facerse na Concellería de Cultura antes das 14:30 horas do venres días 5. Os participantes concentraranse na praza da Soidade media hora antes do desfile.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a programación de Entroido 2016|Descargar mp3

Máis info

Multimedia

  • Cartel Entroido 2016

Noticias relacionadas