Lara Méndez pon en marcha a estratexia Tardeos na Tinería para impulsar un novo movemento social e de ocio que dinamice a cidade

Trátase dun proxecto piloto co que o executivo busca promover novos hábitos entre a cidadanía lucense, apostando polo horario diúrno e complementando a oferta de ocio nocturna, con actuacións e obradoiros para todas as idades
 
Lara Méndez: “Queremos impulsar un novo formato de lecer na cidade, adiantando a hora de saír, co obxectivo de involucrar cada vez a máis xente, especialmente ás persoas que madrugan ou que non poden adaptarse ao horario nocturno habitual”
 
Os Tardeos comezarán este xoves, día 2, e prolongaranse durante todos os xoves e venres do verán, ata o 3 de setembro, en horario de 18:00 a 22:00 horas

Martes, 30 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 presidenta da Asociación de Empresarios da Tinería (Itineris), Isabel Lozano

O Goberno de Lara Méndez pon en marcha a estratexia Tardeos na Tinería para impulsar un novo movemento social e de ocio que dinamice a cidade e a hostelería lucense, nun momento de especial dificultade debido á crise sanitaria. A través desta iniciativa, o Concello busca promover novos hábitos de consumo entre a cidadanía lucense, apostando polo horario diúrno e complementando a oferta de ocio nocturna na cidade con actuacións musicais e obradoiros, dirixidos a públicos de todas as idades.

A alcaldesa, Lara Méndez, presentou o proxecto este martes, acompañada do edil de Desenvolvemento Local e Sostible, Mauricio Repetto, e a presidenta da Asociación de Empresarios da Tinería (Itineris), Isabel Lozano. Os Tardeos na Tinería comezarán este xoves, día 2, e prolongaranse durante todos os xoves e venres do verán, ata o 3 de setembro, en horario de 18:00 a 22:00 horas.

Lara Méndez explicou que “queremos impulsar un novo formato de lecer na cidade, adiantando a hora de saír dos lucenses. Na nosa cultura, a diferencia do resto de países de Europa, temos o costume de quedar para tomar algo a última hora do día ou de madrugada, o que implícitamente conleva trasnoitar. Con esta estratexia, buscamos adaptar o ocio, para involucrar cada vez a máis xente de diferentes idades: familias con fillos, mozos, adultos... especialmente ás persoas que madrugan ou que non poden adaptarse ao formato de lecer nocturno habitual”.

Neste senso a rexedora apuntou que “trátase de darlle unha volta ao concepto para facelo máis diverso e inclusivo, adaptándoo a un estilo máis diúrno e familiar, e complementando, ao mesmo tempo, a oferta de ocio nocturna, ampliandoa para que os lucenses poidan escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades”.

Lara Méndez explicou que “optamos por desenvolver esta primeira experiencia piloto na Tinería, un barrio en transformación e rexuvenecido, no que o 40% dos seus habitantes teñen entre 31 e 45 anos de idade, fortalecido tras a creación dun ecosistema de pequenos emprendedores que incentivamos desde o Concello de Lugo a través da creación do viveiro a pé de rúa, co fin tamén de rachar cos estigmas que acompañaban esta zona. Este barrio está situado no corazón histórico de Lugo, sendo unha das vías principais de acceso ao casco antiguo e conta co privilexio de estar rodeado de historia e de bens patrimoniais considerados Patrimonio da Humanidade”.

“Buscamos que a tres anos vista A Tinería se convirta nun barrio residencial coidado, dinámico, cultural e tranquilo, cunha convivencia tranquila entre residentes e establecementos. Levamos tempo xa en contacto cos distintos colectivos do barrio a través dunha Comisión de Traballo co fin de  trazar un plan estratéxico para a zona xa que ten un potencial diferenciador que lle confire unha personalidade propia e ten todas as fortalezas para ser unha área de referencia do comercio e de atración de turistas”, engadiu.

Pola súa parte, Mauricio Repetto subliñou que “queremos que os tardeos se convertan nunha tradición e que se instale na vida diaria dos lucenses. Neste senso, a idea é que cada vez vaian sumándose máis locais e a oferta se amplíe, co obxectivo de afianzar este novo modelo como unha opción de lecer máis para a xente que, en lugar de saír a tomar algo pola noite, prefire saír pola tarde, para aproveitar mellor o seu tempo”.

O edil engadiu que “esta estratexia xa se está desenvolvendo con aceptación noutras cidades de fóra de Galicia e queremos ser a primeira en intentar promover novos hábitos que axuden a darlle vida a nosa cidade”

Os tardeos comezarán este xoves día 2 coa actuación do DJ Mia Disko e, a continuación, unha xornada de portas abertas na Casiña de Paula, de 20:30 a 21:30 horas. En total serán 19 eventos, nos que participarán unha decena de DJs, ao tempo que se organizarán actividades e obradoiros cos que dinamizar a actividade do barrio.

Programación

Os Tardeos terán lugar os xoves e venres dende o 2 de xullo ata o 3 de setembro. En horario: de 18:00 a 22:00h no Barrio da Tinería. Haberá dinamización con Djs, así como actividades e obradoiros organizados polas empresas do Barrio da Tinería para grupos reducidos e con inscrición previa en: empresariosdatineria@gmail.com

SEMANA 1

 Xoves 2 de xullo:

  • Dj: Mia Disko (Flower Power & Freestyle)
  • Actividades: A Casiña de Paula. Xornada de portas abertas. De 20:30 a 21:30 horas

 Venres 3 de xullo:

  • Dj: Manolo Vilouta Aka El Hombre Vil (Electronic Grooves)
  • Actividades: A Casiña de Paula. Taller de fabricación dun marco para fotos de xeito artesanal e persoalizado. De 19:30 a 20:30 horas. Con grupos reducidos e inscricion previa

SEMANA 2

Xoves 9 de xullo:

  • Dj: Numb & Ro Selektors (Reggae & Dub)
  • Actividades: A Casiña de Paula. Xornada de portas abertas. De 20:30 A 21:30 Horas

Venres 10 de xullo:  

  • Dj: Juan Soto (House Music)
  • Actividades: A Casiña de Paula. Taller de elaboración de complementos e de caixas cun estilo único. De 19:30 A 20:30 horas. Con grupos reducidos e inscricion previa

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación dos Tardeos na Tinería | Descargar mp3
  • A presidenta de Itineris, Isabel Lozano, sobre a presentación dos Tardeos na Tinería | Descargar mp3

Noticias relacionadas