A exposición itinerante Carlos Oroza, o último xograr poderá visitarse durante o San Froilán

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro inauguraron esta mañá a mostra que se ubicará no terreo das casetas do polbo.

A mostra recompila en 6 cubos un percorrido pola vida e obra do poeta a través de imaxes e textos.

Martes, 03 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A exposición itinerante Carlos Oroza, o último xograr poderá visitarse durante o San Froilán

Rubén Arroxo, Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, participaron esta mañá na inauguración da exposición Carlos Oroza, o último xograr, que se poderá visitar no terreo das casetas do polbo ata o vindeiro 30 de outubro. Na inauguración da mostra estiveron presentes a escritora Clara do Roxo, Xabier Romero, presidente da Asociación Évame Oroza e o director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo. Maite Ferreiro destacou que “con esta mostra potenciamos o carácter cultural do San Froilán e participamos nas actividades relacionadas co centenario do nacemento de Carlos Oroza”.

A exposición, que arrancou en Vigo e chega a Lugo despois de pasar por Viveiro, Pontevedra, o Courel ou Ribadavia, está formada por 6 cubos xigantes que fan un percorrido pola vida e obra do poeta oral a través dunha serie de imaxes e textos. Trátase dunha exposición de orientación didáctica cun obxectivo divulgativo arredor da biografía do poeta que convida á lectura de versos destacados ilustrados con fotografías.

Carlos Oroza nace en 1923 en Viveiro (Lugo). Vive entre as décadas dos corenta e setenta en Madrid onde emerxe coma poeta recoñecido polo seu personalísimo modo de recitar. É aquí onde constrúe o núcleo da súa obra. En Madrid escribe a cerna da súa obra. Poeta raro, personaxe da bohemia madrileña, recitou a súa obra de memoria. A súa poética compón un longo poema oral que continúa as antigas herdanzas da creación oral. No 1974, apoiado por Reimundo Patiño, Uxío Novoneyra e a súa compañeira Carmen Latorre, compila os seus poemas orais que forman un corpus único e publica o Eléncar na editorial Tres.Catorce.Diecisite. Ata ese intre os seus versos só escritos en follas e programas de man. Nos anos oitenta despraza a súa residencia primeiro a Cangas (O Morrazo, Pontevedra) e posteriormente trasládase á cidade de Vigo. No 2012 a Editorial Elvira compila a súa poesía completa en Évame. Foi merecedor de premios coma o Premio de Poesía de Barcelona, o Premio Laxeiro e recibiu a Medalla de Oro del Círculo de Bellas Artes de Madrid. Faleceu en Vigo no ano 2015. 

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a exposición "Carlos Oroza, o último xograr " | Descargar mp3

Multimedia

  • A exposición itinerante Carlos Oroza, o último xograr poderá visitarse durante o San Froilán
  • A exposición itinerante Carlos Oroza, o último xograr poderá visitarse durante o San Froilán

Noticias relacionadas