Concello, Deputación e Autónomas organizan a 7ª Feira Outlet con descontos de ata o 80%

26 negocios lucenses porán á venda stocks de zapatería, téxtil, xoiería, fogar, pel, agasallos, beleza, deporte ou accesorios de mascotas, con descontos de ata o 80%

A feira estará aberta dende o venres 14 ata o domingo 16 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez, na carpa que a Deputación cede á Asociación de Autónomas

Xoves, 13 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e Autónomas organizan a 7ª Feira Outlet con descontos de ata o 80%

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García, e a Presidenta da Asociación de Autónomas e Empresarias, Nora Real, presentaron este xoves a 7ª Feira Outlet, organizada pola Asociación de Autónomas e Empresarias, coa que colabora un ano máis o organismo provincial. A cita, xa consolidada, reúne a numerosos comerciantes lucenses ofrecendo nos seus stands centos de produtos con descontos que oscilarán entre o 50 e o 80%.

Ana González Abelleira apuntou que “o Concello apoia esta xa que dinamiza o comercio local e favorece o desenvolvemento económico da cidade. Animar a toda a cidadanía a visitar e mercar na carpa de detrás do Concello, onde poderán atopar descontos de ata un 80% en todo tipo de produtos de calidade. Por outra banda, felicitar á Asociación de Autónomas pola iniciativa e augurarlle, canto menos, os mesmos éxitos que nas seis anteriores campañas”.

Pola súa parte, García Porto subliñou que “dende a Deputación apoiamos de forma incondicional este tipo de actividades que contribúen ao desenvolvemento do tecido económico da provincia. Nas pasadas convocatorias, a Feira Outlet deixou uns beneficios medios de 100.000 euros, uns 3.500 euros por comerciante, e non me cabe dúbida de que na súa sétima edición repetirá éxito”.

Esta Feira Outlet vén precedida por outras iniciativas similares que a Asociación de Autónomas pon en marcha ao longo de todo o ano co respaldo do Concello e a Deputación, como o Street Market ou a Noite Aberta.

26 comercios, con descontos de ata o 80%
Un total de 26 comerciantes lucenses estarán presentes nesta nova edición da Feira Outlet. Porán á venda centos de produtos variados de stock a prezos considerablemente reducidos, con descontos dun 50% a un 80%. Zapatería, téxtil, xoiería, lencería, fogar, pel, agasallos, peiteado, cosmética, deporte e accesorios de mascotas, unha novidade destacada nesta edición, serán as mercadorías que se poderán adquirir, moitas delas de destacadas marcas.

O listado de comercios participantes é o seguinte: Black Market (zapatería), Bonec (zapatería e complementos), Casa Piedad (lencería), Casa de Algodón (téxtil fogar), Carmen Vázquez Portomeñe (regalos), Chic Fashion&Co (téxtil e complementos), C. Serrano (téxtil nenos), Craft&Tea (téxtil e complementos); Destellos (téxtil muller); Dolores Promesas (téxtil muller); El Duendecillo (mobles, decoración e téxtil); Ene Y Efe (téxtil, calzado); Joyería Senén-M&N Joyas (xoiería); Kucadas Boutique Infantil (téxtil nenos); La Casita Pérez (téxtil); Lencería Lilas (mercería e lencería); Maldita Matilda (téxtil muller); Mi Pequeño Vestidor (téxtil muller); Opticalia Callao (óptica); Peleterías Lucus (artigos de pel, bolsos, bixutería); 5ª Avenida (téxtil muller); Sainkho (téxtil); Stela (téxtil); Tolda (téxtil muller); Vas’s (téxtil); Yute (téxtil).

3 días para mercar
A Deputación cede un ano máis á Asociación de Autónomas e Empresarias a carpa situada na praza Anxo Fernández Gómez detrás do consistorio lucense para a celebración da 7ª Feira Outlet. A carpa, na que xa tivo lugar o Artesanfroilán, estará aberta dende o venres 14 ao domingo 16 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00  horas.

Noticias relacionadas