Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 26 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Dispositivos Estado de Alarma

O día 25 de marzo, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo, no marco do establecido no Real Decreto polo cal se declara o Estado de Alarma, establecéronse numerosos dispositivos estáticos e itinerantes nas vías da cidade para comprobar e, no seu caso, impedir que leven a cabo os servizos e actividades suspendidas, así como para velar polo cumprimento das limitacións sobre a circulación de persoas e vehículos, levantando 13 actas de Infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, que pode conlevar sancións de 601 a 30.000 euros.

Reunión de persoas no interior dunha vivenda

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio, acudiron sobre as 4:35 horas do día 26 de marzo/20 a unha vivenda da rúa Azumara xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan do seu interior. Os axentes comprobaron que había un grupo de mozos consumindo bebidas alcohólicas, procedendo a denunciar a tres deles, de entre 20 e 21 anos, que non residen no devandito domicilio e que saltándose o confinamento imposto polo Real Decreto que declara o Estado de Alarma dirixíronse a esa vivenda. As sancións propostas á Autoridade competente oscilan entre 601 e 30.000 euros, ao estar considerada esta conduta como infracción GRAVE na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá.

Homenaxe da Policía Local de Lugo ao persoal sanitario do HULA

Na tarde de onte día 25 de marzo, sobre as 20:00 horas, axentes da Policía Local de Lugo renderon unha homenaxe aos profesionais sanitarios do Hospital Universitario Lucus Augusti, acudindo cos vehículos patrulla á zona de urxencias, para reiterar cos seus aplausos o agradecemento ao traballo destes profesionais, sendo correspondido por estes que, nun número importante, saíron ás portas do Servizo de Urxencias para agradecer con aplausos o xesto da Policía Local de Lugo.

Noticias relacionadas