A área de Cultura organiza campamentos de verán nas casas das linguas municipais

Maite Ferreiro: “queremos ofertar unha alternativa para a conciliación na que as nenas e nenos se acheguen a outras linguas de maneira lúdica”

As actividades desenvolveranse nas dúas casas das linguas municipais nas mañás de xullo, agosto e da primeira semana de setembro

Venres, 26 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura organiza campamentos de verán nas casas das linguas municipais

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que as Casas das Linguas Municipais acollerán campamentos durante os meses de verán. Segundo informou Maite Ferreiro, “queremos facilitar a conciliación ás familias ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos a outras linguas de maneira lúdica”. A edil de Cultura informou que “todas as actividades se realizarán cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias para reducir os riscos de contaxio”.

As actividades estarán orientadas para nenas e nenos de entre 5 e 9 anos, e levaranse a cabo desde o 6 de xullo até o 4 de setembro en quendas semanais que terán lugar entre as 10:30 e as 13:30. Debido á redución de aforo, só poderán participar 6 nenos e nenas en cada quenda. Para solicitar unha praza, debe contactarse mediante correo electrónico os días 30 de xuño e 1 de xullo coa Casa das Linguas na que se desexe solicitar a praza, no enderezo casa.linguas@lugo.gal para a Casa das Linguas da Estrada da Granxa ou no enderezo casa.linguas.balteira@lugo.gal para a casa das linguas María Balteira. Cada alumna ou alumno só poderá solicitar unha semana, e as solicitudes para irmás e irmáns deberán remitirse no mesmo correo.

A partir do xoves 2 de xullo, contactarase coas familias para que acheguen a documentación precisa e formalizar a inscrición. No caso de que unha alumna ou alumno incumpra a asistencia sen xustificar, a praza será cuberta segundo a listaxe de espera que se elabore co resto de solicitudes.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre os campamentos de verán, nas Casas das Linguas | Descargar mp3

Noticias relacionadas