A Alcaldesa avanza a licitación inmediata das obras para acondicionar 7 aparcadoiros disuasorios con 203 prazas gratis

A Xunta de Goberno aprobará previsiblemente esta semana os pregos que rexerán a adxudicación do contrato para acometer o proxecto, que con 350.000€ de orzamento, estará listo a principios de ano, pois conta con 5 meses de prazo de execución

Localizacións: r/Alcalde Manuel Portela (46 prazas); r/do Buxo (24); avda. Reverendo Xosé Fernández Núñez (15); r/Pedro González López (14); Jacinto Calvo (30); Xosé Novo Freire (28) e Paradai de Arriba (46)

O Goberno poñerá a disposición da cidadanía 800 novas prazas públicas e gratuítas coas medidas xa tomadas e as que ten en marcha: aparcamentos disuasorios (203), párking do HULA (363), repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150) e apertura ao público do aparcadoiro do Seminario (80)

Esta nova actuación, a terceira de gran calado que saca adiante o Goberno en tres semanas, responde “ao modelo de mobilidade que temos deseñado co obxectivo de reducir o uso do vehículo privado, reducir a contaminación e mellorar a calidade de vida e a comodidade da cidadanía”

Luns, 21 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa avanza a licitación inmediata das obras para acondicionar 7 aparcadoiros disuasorios con 203 prazas gratis

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto a o voceiro municipal, Miguel Fernández, deu a coñecer este luns o proxecto técnico de acondicionamento de 7 aparcadoiros disuasorios en distintos puntos da cidade que, cunha superficie total de máis de 6.000ms2, ofrecerán 203 novas prazas públicas e gratuítas. Unha vez concluída a elaboración dos pregos de contratación hoxe mesmo, Méndez espera que esta semana a Xunta de Goberno, en sesión extraordinaria, aprobe a licitación das obras, que contan cun investimento conxunto de 350.000€ e un prazo de execución de 5 meses. Polo tanto, a previsión da Alcaldesa é que a principios do vindeiro ano os 7 novos aparcamentos públicos e gratuítos estean dispoñibles.

Esta nova actuación, a terceira de gran calado que saca adiante o Goberno en tres semanas (tras as da instalación do ascensor de Fontiñas e o acondicionamento do aparcamento público enfronte do HULA), neste caso grazas á incorporación de remanentes de crédito despois da Liquidación do Orzamento 2017, responde ao “modelo de cidade e á estratexia de mobilidade que temos deseñada, con medidas complementarias e interconectadas que segundo vamos implantando cobran sentido”, explicou a rexedora, aludindo, como exemplo, ás zonas 30 con convivencia de bicicleta, as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, a humanización da avenida Infanta Elena, a reordenación das liñas de bus, a creación de máis carrís bici, a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos, a apertura do párking do Seminario ao público en xeral polas tardes e as fins de semana, os propios aparcadoiros disuasorios, ou o novo modelo de acceso e mobilidade do casco histórico. Todo co obxectivo de diminuír o uso do vehículo privado, o que contribuirá a “mellorar a calidade de vida e a comodidade dos lucenses ao reducir a contaminación, tanto ambiental como acústica”.

O proxecto dos aparcadoiros disuasorios que deu a coñecer este luns a Alcaldesa baséase nun estudo técnico previo, elaborado durante o ano pasado, sobre posibles localizacións para aparcamentos en superficie en fincas de titularidade municipal e coa cualificación urbanística de equipamento comunitario. Os criterios que se tiveron en conta foron as rúas de acceso, o número de aparcamentos públicos nos arredores, o carácter máis ou menos comercial das zonas e o número de prazas posibles en cada parcela, entre outros.

As localizacións dos 7 aparcamentos e as súas características son as seguintes:

- R/ ALCALDE MANUEL PORTELA (Garabolos):

  • 46 prazas
  • Superficie: 1.176,86 ms2
  • Orzamento:  41.200€

- R/ DO BUXO (Lamas de Prado):

  • 24 prazas
  • Superficie: 827,44ms2
  • Orzamento: 29.600€

- AVDA. REVERENDO XOSÉ FERNÁNDEZ NÚÑEZ (A Milagrosa):

  • 15 prazas
  • Superficie: 469,25 ms2
  • Orzamento: 13.200€

- R/ PEDRO GONZÁLEZ LÓPEZ (centro):

  • 14 prazas
  • Superficie: 375,55 ms2
  • Orzamento: 15.500€

- R/ JACINTO CALVO SENADOR (centro):

  • 30 prazas
  • Superficie: 942,05 ms2
  • Orzamento: 32.900€

- R/ ALCALDE XOSÉ NOVO FREIRE (entorno Avda. Madrid):

  • 28 prazas
  • Superficie: 736,82 ms2
  • Orzamento: 26.700€

- R/PARADAI DE ARRIBA:

  • 46 prazas
  • Superficie: 1.565,20 ms2
  • Orzamento: 78.000€

As obras

As obras que se levarán a cabo en cada unha das parcelas son: limpeza do terreo; escavación e recheo; colocación dunha rede de recollida de augas pluviais que inclúe sumidoiros e pozos de rexistro; pavimentación (unha capa de zahorra e dúas de asfalto); sinalización horizontal (para marcar as prazas, viais, sentidos de circulación, ceda ao paso e stop); sinalización vertical (indicadores de entrada e saída); e peche perimetral (con malla metálica de 2ms de altura), que permita identificar o aparcadoiro a conductores e viandantes.

As prazas terán unha dimensión por regra xeral de 2,5ms de ancho e 5 de longo, e todas as parcelas incluirán estacionamento para vehículos de persoas con mobilidade reducida.

O Concello optou por adxudicar as obras a través dun único contrato porque isto recorta os trámites administrativos e polo tanto axiliza os tempos.

800 novas prazas na cidade

O Goberno de Lara Méndez poñerá a disposición da cidadanía 800 novas prazas públicas e gratuítas coas medidas xa tomadas e as que ten en marcha: aparcamentos disuasorios (203), párking enfronte ao HULA (363), repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150) e apertura ao público do aparcadoiro do Seminario (80).

Máis info

Noticias relacionadas