Ana Abelleira refrenda o compromiso do Concello de Lugo coa cooperación internacional na asemblea xeral do Fondo Galego

A responsable de Cohesión Social e Territorial participou no encontro celebrado en Santiago no que se aprobaron os obxectivos e estratexias da entidade para o período 2024-2027.

Abelleira avanzou que “destinamos un investimento municipal de 40.000€ para axudas coas que contribuír a mellorar a calidade de vida nos países máis desfavorecidos do mundo”.

“A esta achega súmase outra de 10.000 euros para o desenvolvemento de campañas de sensibilización sobre a necesidade de corrixir as desigualdades de xeito global”, avanzou.

O traballo de cooperación internacional lévase a cabo a través da colaboración con colectivos especializados (ONGs) e co resto das administracións galegas membros do Fondo.

Xoves, 11 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Abelleira refrenda o compromiso do Concello de Lugo coa cooperación internacional na asemblea xeral do Fondo Galego

A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana Abelleira, participou este xoves na asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada no Auditorio Xosé Neira Vilas, da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Durante o encontro, a edila refrendou o compromiso do Concello de Lugo coa cooperación internacional mediante a convocatoria de subvencións destinadas a Organizacións non Gobernamentais, co obxectivo de levar a cabo proxectos que axuden a mellorar a calidade de vida en países subdesenvolvidos.

“En concreto, nesta anualidade destinaremos un investimento de 40.000 euros para estas axudas, coas que contribuír a acadar unha igualdade de oportunidades real noutras sociedades e mellorar a cohesión social nos puntos xeográficos máis desfavorecidos do mundo”, subliñou a concelleira quen engadiu que “a esta achega súmase outra de 10.000 euros para o desenvolvemento de campañas de sensibilización e concienciación sobre a necesidade de corrixir as desigualdades de xeito global”.

Abelleira explicou que “este traballo de cooperación internacional levase a cabo a través dunha estreita colaboración cos colectivos especializados (ONGs) e co resto das administracións galegas a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”.

Precisamente, durante a asamblea celebrada este xoves aprobáronse os obxectivos e estratexias que guiarán as actuacións do Fondo durante o período 2024-2027, un período crucial para a entidade no que cumprirá os 30 anos de historia.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro de carácter municipalista que agrupa a Concellos e Deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación ao desenvolvemento cos países do Sur. Tras 27 anos de andaina, o Fondo Galego suma un total de 104 administracións locais.

Multimedia

  • Ana Abelleira refrenda o compromiso do Concello de Lugo coa cooperación internacional na asemblea xeral do Fondo Galego

Noticias relacionadas