Volta o XXI Circuíto Larsa Corre con Nós, despois de dous anos de pandemia co propósito de recuperar todo o seu esplendor

Repetto lembrou que “este segue sendo o único circuíto de probas atléticas gratuíto en Galicia”.

O circuíto contará con seis carreiras que aglutinan diferentes percorridos e distancias, con retos para todas as idades.

Todos os interesadas en participar na primeira cita deportiva que se celebrará o sábado 4 de febreiro aínda poden inscribirse en https://correconnos.com/

Mércores, 25 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Volta o XXI Circuíto Larsa Corre con Nós,  despois de dous anos de pandemia co propósito de recuperar todo o seu esplendor

O Concelleiro de Deportes e Xuventude, Mauricio Repetto e a responsable de marketing de Larsa, Ana Rodríguez presentaron a XXI edición do Circuíto ‘Larsa Corre con nós’ que, “despois de dous anos de pandemia, o circuíto de carreiras populares máis antigo de Galicia, recupera o seu esplendor cun calendario moi coidado e unha firme aposta pola calidade nas 6 citas deportivas que terán lugar ao longo deste ano” explicou o edil.

Nesta edición, o circuíto contará con seis carreiras que aglutinan diferentes percorridos e distancias, con retos para todas as idades: Nocturna – 4 de febreiro - , Cinto Verde – 19 de febreiro -, Corre con elas – 18 de marzo - , Impulso Verde – 23 de abril - , Tour Talento -  6 de maio – e Final Circuíto – 11 de xuño – . As inscricións xa están abertas en https://correconnos.com/ .

O concelleiro de deportes, Mauricio Repetto, asegura que “este é un circuíto consolidado na cidade e tamén é unha alegría poder recuperalo despois dos dous anos de pandemia”. Na presentación, Repetto lembrou que “este segue sendo o único circuíto de probas atléticas gratuíto en Galicia, que ademais este ano presentamos co propósito de favorecer a participación, a familiaridade, o divertimento e volta coa mesma forza que en edicións que non estiveron marcadas pola pandemia”.

O edil tamén destacou que “xa está aberto o prazo para inscribirse nesta nova tempada de carreiras populares, na que xa van preto dun milleiro de atletas inscritos, na primeira cita. O que é unha boa mostra do éxito que, ano tras ano, acada cada unha das probas incluídas no circuíto”.

Repetto explicou que “na derradeira proba – 11 de xuño – premiaranse ás tres persoas que acaden as primeiras clasificacións cun trofeo nunha clasificación final definitiva de todo o conxunto. En canto as clasificacións por grupos, haberá unha clasificación final escolar, outra familiar e tamén por equipos”.

Nesta edición, tamén se contará cunha gala final de entrega de premios , que será “unha festa do atletismo popular lucense con moitas sorpresas e actividades durante esta cerimonia” adiantaba o edil.

“Corre con Nós enmárcase na nosa aposta por fomentar actividades físicas deportivas saudables así como no noso compromiso co deporte, en todas as modalidades e para calquera idade” explicaba Repetto.

Corre Con Nós Nocturna:

Todas as persoas interesadas en participar na primeira das probas deste circuíto, a Nocturna, poderán inscribirse ata o 29 de xaneiro a través da web https://correconnos.com/e consultar o regulamento ou máis información.

Nesta proba, como vén sendo habitual, haberá distintas categorías: minibenxamíns, benxamíns, infantís e adultos. Concretamente, ás 18:00 horas será a saída das e dos participantes da primeira categoría, que percorrerán unha distancia de 300 metros, a segunda categoría, dende as 18:10 horas, cunha distancia de 800 metros, a terceira, a partir das 18:20 horas, cun recorrido de 1.500 metros. Por último, os adultos partirán ás 19:00 horas e terán que correr unha distancia de 3.000 metros.

A recollida de dorsais farase en Intersport Lugo (Edificio Pimentel en rúa Bispo), en horario comercial o xoves 2 de febreiro, venres 3 de febreiro e o sábado 4 de febreiro. A carreira dará comezo ás 18:00 horas para as categorías infantís e ás 19:00 horas terá lugar a saída para a categoría adulta. O punto de partida será a Horta do Seminario.

Noticias relacionadas