Urbanismo solicita ao IGVS a modificación de tres rúas no Polígono de As Gándaras para mellorar a mobilidade e comodidade dos usuarios

A solicitude contempla a redución do ancho da mediana da rúa D (fronte ao Dechathlon), o novo tramo da rúa F e a futura rúa M, co obxectivo de ampliar a calzada, para que pasen a contar con dous carrís por cada sentido de circulación

Miguel Couto: “Coa ampliación do polígono e a nova conexión coa Ronda Norte, moitos usuarios empregarán a rúa D como vía de acceso ao parque, polo que resulta conveniente ampliar a calzada para mellorar a fluidez do tráfico”

“Tamén solicitamos a eliminación da mediana na rúa D, á altura da intersección coa rúa B, para permitir o cambio de sentido e o xiro entre ambas vías”, engadiu

Mércores, 28 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A área de Urbanismo Sostible vén de remitir un escrito ao Instituto Galego de Vivenda e Solo en relación coa Modificación Número 3 do proxecto sectorial do Parque Empresarial das Gándaras. Así o avanzou o responsable da concellería, Miguel Couto, quen explicou que “a través deste escrito solicitamos varias actuacións no ámbito do planeamento, coas que mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a comodidade dos usuarios do polígono, ao tempo se busca dar resposta ás peticións dos empresarios instalados, principalmente, no vial que queda fronte ao Decathlon, a rúa D”.

A nova fase de ampliación do Parque Empresarial das Gándaras contempla a prolongación desta rúa e a conexión cun vial de nova apertura (rúa C), que á súa vez entroncará coa glorieta da Ronda Norte situada no entorno do Campo de Fútbol das Gándaras. Deste xeito, prevese que a rúa D cobre maior protagonismo nos accesos ao parque empresarial dende a Ronda Norte, constituíndose nunha posible alternativa á mesma, no tramo comprendido entre as dúas rotondas.

Este vial xa existente, e a súa prolongación, na zona que se vai a ampliar, está deseñado cunha mediana de 11 metros de ancho e un único carril por cada sentido de circulación. A proposta do Concello consiste en ampliar a calzada, reducindo o ancho da mediana de 11 a 5 metros, e repartindo eses 6 metros en dous carrís (un por sentido), de 3 metros. “Moitos usuarios empregarán este novo acceso ao parque empresarial, xerando un importante volume de tráfico na rúa D, polo que entendemos que sería convinte ampliar a calzada, de modo que se mellore tanto a seguridade vial como a fluidez na circulación”, engadiu o edil.

Miguel Couto explicou que “esta mesma situación afecta a outras dúas vías, previstas na nova fase de ampliación do parque, e que serán a continuación da rúa F e a nova rúa M. Polo tanto, facemos extensible esta petición ás mesmas”. Deste xeito, estas vías pasarían a ter unha configuración como a da rúa A, a arteria principal do polígono, cuxo funcionamento é idóneo tanto como soporte de tráfico, como para garantir a manobrabilidade de acceso ás parcelas por parte de vehículos de gran tonelaxe.

Cómpre sinalar que o Concello comprometeuse a asumir o custe desta actuación no tramo do parque empresarial xa urbanizado, é dicir, no tramo da rúa D comprendido entre as interseccións coas rúas A e B.

“Así mesmo, á vista da configuración que terá a rúa D, solicitamos tamén a eliminiación da mediana á altura da intersección coa rúa B, coa finalidade de permitir a manobra de cambio de sentido, unha práctica que se ven realizando de forma habitual na actualidade, e a conexión dos dous sentidos de circulación da rúa D coa propia rúa B”, subliñou.

“Agardamos que esta solicitude que lle plantexamos ao IGVS sexa recollida de xeito favorable e a incorporen na Modificación Número 3 na que están a traballar actualmente, co obxectivo de mellorar a circulación no parque empresarial e as condicións nas que os empresarios desenvolven a súa actividade”, concluíu o concelleiro.

Audio

  • O concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre o Polígono de As Gándaras | Descargar mp3

Documentos

 

Noticias relacionadas