A Tenencia de Alcaldía agasallará insignias coa imaxe dos Pelúdez no último día do San Froilán 2023

A veciñanza poderá recoller a súa chapa no posto de información turística da praza Maior ao longo do 12 de outubro, último día das festas de San Froilán

Rubén Arroxo: “queremos que toda a veciñanza poida lembrar as festas cos Pelúdez, un icono do San Froilán”

Mércores, 11 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía agasallará insignias coa imaxe dos Pelúdez no último día do San Froilán 2023

O tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que mañá o posto de información turística da praza Maior entregará insignias coa imaxe dos Pelúdez a todas as persoas que se acheguen. Arroxo explicou que “con esta iniciativa buscamos que toda a veciñanza poida lembrar as festas do San Froilán cos Pelúdez, unha familia que xa é un dos iconos máis representativos do San Froilán”.

Arroxo destacou que mañá remata “un San Froilán que demostrou unha vez máis ser a gran festa do outono galego”. O tenente de alcaldesa afirmou que “nos últimos días, Lugo acolleu preto de 200 actividades variadas coas que tratamos de conseguir que toda a veciñanza sentise orgullo de ser de Lugo”.

Na xornada de mañá, terán lugar actividades consolidadas no programa do San Froilán, como a Feira Medieval, xunto con actividades novidosas pero que gozan dunha gran popularidade como Saltar na Rúa, exhibición de atletismo que celebra este ano a súa terceira edición, ou o II Festival de cultura tradicional do San Froilán Miúdo coas actuacións de; Cántigas e Frores, Saíñas e A Ponte Vella na praza da Mosqueira. Rayden na praza Horta do Seminario xunto con Balkan Paradise Orchestra e Terrae en Santa María serán os encargados de pechar o San Froilán 2023.

 

Noticias relacionadas