Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan a zona hostaleira de Augas Férreas na previa do San Froilán

Dende o Concello de Lugo organízanse numerosas actividades en todos os barrios para manter a cidade animada durante as festas.

A área de Cultura e os hostaleiros de Augas Férreas traerán o próximo día 5 a orquestra Cinema acompañada de cantantes extraordinarios que trunfan nun concurso televisivo.

Rubén Arroxo: “Cada ano traballamos para levar o espírito das nosas festas máis aló do centro de Lugo”.

Martes, 03 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan a zona hostaleira de Augas Férreas na previa do San Froilán

O Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acudiron hoxe ata os locais de hostalería da zona de Augas Férreas. Como cada ano, dende o Goberno, organízanse unha serie de actividades para manter vivos os barrios durante as festas de San Froilán. Concretamente, nesta zona da cidade a área de Cultura colabora coa asociación de hostaleiros para levar ata o barrio unha verbena para encher as rúas nesta edición do San Froilán.

Segundo explicou Rubén Arroxo todos os barrios da cidade son fundamentais, polo que “cada ano traballamos para levar o espírito das nosas festas máis aló do centro de Lugo, para que cada un dos barrios se contaxien deste ambiente festivo que enche a nosa cidade durante os primeiros días de outubro”.

Este ano, indicou Maite Ferreiro, “chegamos máis alá traendo ata Augas Férreas a gravación en directo dun programa de gran éxito entre a sociedade galega como é a Liga dos Cantantes Extraordinarios”. Un formato, explicou Ferreiro “que se adapta a todo tipo de público, polo que se pode desfrutar con familia e amizades, e que promete achegar unha gran afluencia de persoas ata todos os locais do barrio”.

A concelleira de Cultura aclarou que se trata dun “espectáculo híbrido entre festival e verbena, gratuíto e que se gravará pola televisión desde Lugo para a súa posterior emisión nas pantallas de todas as galegas o día 7 de outubro”. “Haberá dúas horas de música con recoñecidas caras da verbena galega que se pechará coa gran actuación da orquestra Cinema”, explicou Ferreiro.

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan a zona hostaleira de Augas Férreas na previa do San Froilán

Noticias relacionadas