A primeira empresa na que entra o fondo emprendedor do Concello de Lugo aumentará o seu persoal un 900% con este apoio

A alcaldesa Lara Méndez, impulsora da Estratexia, anunciou hoxe que a empresa lucense LexDigo recibirá 300.000 € de financiación para crecer e consolidarse no mercado.

O Comité de Investimentos, que se reunirá en decembro, analiza agora 29 proxectos máis, dous deles moi avanzados, para poder, polo menos nun dos casos, formalizarse antes de final de ano.

A xestora traballa xa con empresas doutras partes de Galicia e do Estado que consideran seriamente trasladarse a Lugo para desenvolver o seu proxecto, atraídos por este instrumento financeiro municipal.

Martes, 08 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A primeira empresa na que entra o fondo emprendedor do Concello de Lugo aumentará o seu persoal un 900% con este apoio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer hoxe a primeira empresa que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma, facendo tanxible o alcance e repercusión que terá para o municipio esta ferramenta, impulsada pola rexedora en plena pandemia, para atraer investimento empresarial e pular pola reindustrialización da cidade e pola creación de emprego estable e de calidade.

Acompañada polo Conselleiro Delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, e polo interventor municipal, Manuel Vázquez, Lara Méndez puxo en valor os avances dados no seo desta iniciativa “que nos permiten visualizar e concretar de forma material todo o traballo previo que se realizou meses atrás”.

Así, a alcaldesa lembrou que a Estratexia Lugo Transforma consiste na entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores, baixo a modalidade de fondo de capital de risco.

A rexedora lucense fixo fincapé na capacidade deste instrumento financeiro para atraer e consolidar pequenas e medianas empresas que propiciarán un alto impacto social e ambiental no municipio nun prazo menor de 5 anos.

“É o caso de LexDigo, fundada por Leticia e María Seara, coa que en 2019 implementaron un Software para despachos de avogados e asesores que está a transformar a dixital as oficinas do sector xurídico, atendendo á necesidade de dinamizar a súa xestión e comunicación para propiciar unha imaxe instantánea do día a día e mellorar a fluidez e a transparencia cos seus clientes”, referiu Lara Méndez.

Trátase, por tanto, dunha Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica que, co acompañamento de Lugo Transforma, do que recibirá 300.000 €, creará 40 empregos de calidade na cidade, incrementando o seu cadro de persoal (4 traballadore/as) nun 900%.

“Un exemplo de talento lucense, talento feminino ademais, que se demostra na ampla carteira de 200 clientes coa que contan en España e México, e ás que lles ofrecemos o apoio necesario para crecer e para poder facelo en Lugo, revertendo na cidade os resultados que acaden”, sinalou a rexedora.

A este respecto, tanto Leticia como María Seara, agradeceron a iniciativa do Concello á que cualificaron como “unha inxección brutal de confianza, apostando porque poidamos asentarnos aquí e involucrándose para que non teñamos que marchar fóra se queremos crecer”, aseguraron.

Pola súa parte, a alcaldesa apuntou que, neste caso “o Comité de investimentos decantouse por este proxecto tendo en conta o alto valor engadido de innovación que ofrece no mercado e tamén o pulo tan importante que suporá esta inxección de capital para acadar a consolidación e expansión da empresa, tendo en conta que – precisamente - o destino dos fondos será impulsar a contratación de perfís en ventas e marketing para o desenvolvemento do negocio”.

Méndez avanzou, así mesmo, que LexDigo é o primeiro exemplo “de moitas máis empresas que atoparán no Lugo Transforma a man tendida que precisan para nacer, establecerse e tamén expandirse” porque, nestes momentos, hai xa outros 29 proxectos en estudo e seguimento dentro dos que, segundo revelou Jesús Torres, Conselleiro Delegado da xestora Torsa Capital, “dous deles están xa moi avanzados o que nos permitirá, polo menos nun dos casos, poder formalizalo antes de final de ano”.

A xestora traballa ademais con empresas doutras partes de Galicia e do Estado que, nestes momentos, “consideran seriamente trasladarse a Lugo para desenvolver o seu proxecto, atraídos por este instrumento financeiro municipal”, afirmou Torres.

“Dende setembro están entrando unha media de dous - tres proxectos por mes, hai dous que superaron algunhas das fases anteriores e que continúan a estudo e se agarda que o próximo Comité de Investimentos sexa xa na primeira quincena de decembro, co cal, as boas novas, continuarán”, sostivo a rexedora ao tempo que recordou que o fondo aterrará sobre aproximadamente 50 empresas e, extrapolando resultados de experiencias similares, se agarda que produza unha creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas neste tempo.

“Para min, como alcaldesa, resulta tremendamente gratificante ver como se materializa a aposta pioneira que fixemos por artellar unha rede de colaboración público - privada, nun momento tan complexo, de tanta incerteza económica, que fixo detraer o emprendemento e freou oportunidades. Cando dende o Goberno local o que pretendemos é propiciar todo o contrario: que Lugo creza e se dinamice, apoiada nas nosas potencialidades, aquelas que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, concluíu a alcaldesa.

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo - que mobilizou 12 millóns de euros - e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanáne Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

Audios

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Lugo Transforma | Descargar mp3
  • A fundadora de LuxDigo, Leticia Seara, sobre o Lugo Transforma | Descargar mp3
  • O conselleiro delegado, de Torsa, Jesús Torres, sobre o Lugo Transforma | Descargar mp3

Noticias relacionadas