A parcela do Impulso Verde urbanizarase con especies vexetais, tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos

A alcaldesa de Lugo avanza que o exterior deste edificio, emblemático en Europa, está deseñado como un espazo aberto para a cidadanía e de divulgación das accións do LIFE.

Os traballos, que saen a licitación por 180.000 euros, inclúen espazos verdes, a pavimentación de zonas peonís con material drenante, un carril bici e a humanización da contorna.

 

Martes, 19 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 Imaxe da presentación, esta mañá, da urbanización da parcela do edificio Impulso Verde

A parcela exterior do Impulso Verde, o primeiro edificio público construído con madeira local e semente do primeiro Barrio Multiecolóxico de España que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático, será acondicionada “como un espazo aberto para a cidadanía e de encontro e divulgación das distintas accións do LIFE Lugo + Biodinámico”, segundo anunciou hoxe a alcaldesa lucense, Lara Méndez.

Por este motivo, a urbanización deste novo espazo público, “destinado para o uso e goce da veciñanza”, desenvolverase con solucións sostibles de deseño urbano tanto nas zonas verdes como nas peonís e de estacionamento, así como na área de carril bici e no concepto de humanización da contorna, coa instalación de mobiliario urbano e a colocación de iluminación e sinalización LED.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou esta mañá que as obras sairán a licitación pública, unha vez que sexan aprobadas mañá en Xunta de Goberno Local, cun investimento de 180.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

A execución abarcará unha superficie de 2.685 m², dentro da parcela de titularidade municipal, de 8.001 m², situada na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro, “mentres que o espazo restante o destinaremos á execución de hortos urbanos moi innovadores, que pronto presentaremos, cos que queremos seguir fomentando a agricultura ecolóxica entre a poboación”.

“Nas solucións adoptadas buscarase en todo momento a simplicidade e a sinxeleza para a súa integración coa contorna existente”, engadiu Lara Méndez, quen explicou que se levarán a cabo as seguintes áreas diferenciadas:

- - Zonas verdes, que ocuparán a metade da parcela a urbanizar, onde se combinarán especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras. Tamén se plantarán árbores autóctonas que creen zonas de sombras.

A selección de especies vexetais que integrarán as zonas verdes, realizouse de maneira conxunta con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade.

- - Zona peonil, onde se utilizarán pavimentos e superficies drenantes.

- - Zona de aparcamento de vehículos, na que se proxectan sete prazas, dúas delas para vehículos eléctricos e outras dúas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

- - Zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable, que nos ceden doutro Proxecto Life (15 CCA/ES/000091 CERSUDS) como solución de drenaxe urbano sostible, e un aparcamento específico para as bicicletas, para o fomento da mobilidade alternativa e sostible.

A rexedora explicou que “para o trazado do carril bici partiuse do proxecto de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no tramo comprendido entre a glorieta da Rolda Norte e a glorieta 25 de Novembro, que xa incluía o trazado polo interior da parcela municipal co fin de evitar a confluencia da bicicleta co automóbil nesta saturada rotonda”. Entre o carril bici e a beirarrúa existente proxéctase un dos xardíns de choiva que recolla a auga da propia superficie pavimentada.

Por outra banda, no deseño tamén se terá en conta a perspectiva de xénero. Deste xeito, aplicaranse, entre outras, as seguintes premisas: darase continuidade á rede peonil pública enlazándoa coas zonas peonís proxectadas; crearanse elementos que faciliten a lexibilidade e a orientación, en lugar de espazos uniformes; asegurarase unha boa visibilidade do espazo público e a visión periférica da contorna inmediata e deseñarase un traxecto seguro, evitando zonas escuras e lugares encubertos.

“Esta visión contribuirará á calidade de vida dos veciños e veciñas, favorecendo contornas de vida máis humanas e agradables”, concluíu a rexedora.

A alcaldesa lembrou que “seguimos a potenciar a marca de Lugo vinculada a sostibilidade, coa que xa nos estamos a posicionar como un municipio referente a nivel internacional, acadando diferentes recoñecementos a través dos proxectos impulsados co Life Lugo + Biodinámico”.

Audio

+INFO

  • Infografía Urbanización parcela Impulso Verde | Descargar PDF

Noticias relacionadas