Ofrenda do Reino de Galicia

Domingo, 21 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ofrenda do Reino de Galicia

Ofrenda do Reino de Galicia

Sr. Obispo de Lugo, Autoridades eclesiásticas, Alcaldesas, alcaldes e representantes das Corporacións de A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Tui, Betanzos e Mondoñedo e Veciños e veciñas que nos acompañan.

Hoxe, como alcaldesa de Lugo, en nome da cidade e en representación das sete antigas capitais, presento esta Ofrenda do Reino de Galicia ante o Santísimo Sacramento, dando continuidade a unha tradición que data do ano 1669 e que forma xa parte inexorable do noso acervo social e da nosa memoria cultural.

É para min unha honra dar voz a unha Galicia inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios, neste acto solemne que, ao longo dos seus 351 anos de existencia, chega a condensar e a concertar imaxes, vivencias colectivas, valores e nocións que son  identitarias para todas e todos os lucenses, e que supón para o noso municipio un referente simbólico, con fondas raíces que van máis aló da súa natureza relixiosa, presente mesmo na propia representación heráldica.

O secular imaxinario desta cerimonia acrecéntase co escenario onde se desenvolve, a Basílica Catedral de Santa María, templo de beleza sobria que ostenta o privilexio de manter ao Santísimo Sacramento permanentemente custodiado por unha chama sempre prendida no altar maior, o que fai que sexa única no mundo. Patrimonio da Humanidade, xunto coa nosa Muralla romana, bimilenaria, e o Camiño Primitivo, é motivo do orgullo para a nosa cidade.

Este ano, a Ofrenda adquire máis valor pola excepcionalidade da celebración, que evocaremos co paso do tempo por enmarcarse en momentos de gran tristeza, de loito e dor, así como de grandes incertezas derivadas dunha pandemia, a do COVID-19, que deixa tras de si a milleiros de familias orfas dos seus seres queridos.

Hoxe é obrigada unha agarimosa lembranza para as vítimas e os seus familiares e amigos. Por iso, a nosa primeira ofrenda é no seu nome, para que non as esquezamos e que o seu recordo aniñe para sempre nos nosos corazóns.

Temos tamén moi presentes a todas aquelas persoas e colectivos que nesta crise antepuxeron a protección e o coidado dos demais aos seus medos lexítimos, traballando sen descanso, dando o mellor de si e perdendo, en moitos casos, a súa propia vida no empeño.

Profesionais do sector da sanidade, dos servizos sociais, da limpeza, da alimentación, das forzas de seguridade, os científicos e epidemiólogos e tantos outros traballadores aos que lles debemos gratitude e respecto, e que propician, sen dúbida, unha fonda reflexión sobre o transcendental valor dos servizos públicos e a necesidade de dotalos e fornecelos de medios técnicos e humanos, xa que son os piares que manteñen en pé o noso Estado de Benestar. Sen sistemas de saúde e de atención social ben dimensionados e fortalecidos non cabe falar de xustiza e equidade social.

Desde as súas orixes, esta Ofrenda ante o Santísimo representa a xenerosidade, a solidariedade e a entrega do pobo galego, a unión fronte a adversidade das sete cidades do Antigo Reino de Galicia,  rememorada en Lugo ano tras ano.

Pero o noso Voto ten tamén a grandeza do Agradecemento.

Que a afouteza dos muros milenarios que nos acollen sexa a testemuña do recoñecemento que lle debemos á sociedade polo seu exemplar comportamento. A capacidade de adaptación e de superación durante os meses de confinamento dos colectivos aparentemente máis vulnerables e fráxiles, os nosos maiores, a nosa mocidade e os nosos pequenos, nos marcan unha pauta a seguir.

A veciñanza soubo amosar a súa faciana máis solidaria e fraternal, quedando nas súas casas cando foi necesario pero tamén mobilizando afectos, apoiando aos colectivos que loitaban na primeira liña, creando comunidades e tecendo redes de resistencia.

Demostraron ánimo e enteireza a pesar do desconcerto nunha situación pandémica complexa e cambiante. A súa enerxía e altura de miras son unha chamada de atención para todos os que estamos obrigados non só a xestionar os recursos públicos senón tamén a impulsar a planificación do presente e do futuro de quen confiou en nós para ese fin.

Vivimos tempos convulsos, herdeiros doutra gran crise aínda moi próxima e da que arrastramos carencias e necesidades, froito de recortes crueis, que aínda hoxe condenan a moitos a unha pobreza non superada. Son momentos de transformación e de cambios complexos aos que nos debemos enfrontar co risco, nun horizonte próximo, de que miles de persoas se queden na rúa, desestabilizando familias, cidades e comarcas enteiras.

Asumimos agora o desafío da reconstrución dos nosos espazos e economías, xa moi danadas, pero tamén o reto de recompoñer ilusións e proxectos en tempos de desaceleración e inquietude.

Tristemente, as miñas verbas deben incluír tamén nomes de muller. Das miles que morreron asasinadas polas mans de aqueles que aseguraron amalas, e mentiron, e das que sofren, sendo conscientes ou incluso sen selo, un machismo estrutural que non as deixa medrar en igualdade de oportunidades. Pido hoxe aquí visión e valentía para dar pasos cara esa igualdade real que poña fin, algún día próximo, ás violencias contra as nosas nais, irmáns, fillas, netas e amigas.

Os problemas son recoñecibles, pero temos na nosa man a capacidade de activar políticas e programas industriais e sociais. De nós depende previr e fornecer o sistema público e acompañar aos que máis o necesitan, priorizando a equidade así como a sustentabilidade social, económica e ambiental.

Por iso, gustaríame que esta Ofrenda sirva para facer un chamamento á colaboración, ao entendemento e ao diálogo en prol do interese xeral que sempre debe prevalecer por riba de calquera outra cuestión. É tempo de afastar a crispación, de deixar atrás calquera tipo de confrontación. Porque son moitas máis as cousas que nos unen e porque a sociedade reclama de nós solucións, ideas e exemplaridade e a política non pode nin debe ser un obstáculo senón a ferramenta indispensable do sistema democrático.

Agora máis ca nunca entendemos o valor da proximidade, a necesidade de cooperar por iso hoxe quero invocar ao sosego, á comprensión, á importancia de traballar xuntos, sumando e ofrecendo respostas que encamiñen o futuro e alivien as dificultades coas que se este se poida presentar.

Escoitemos, vaiamos da man. As administracións temos a capacidade e tamén a responsabilidade de alcanzar acordos.  Exploremos, pois, máis esas vías, entre institucións, entre representantes políticos, entre o sector público e o privado, cos colectivos sectoriais, coa cidadanía. Rebaixemos as tensións e elevemos o das negociacións porque entre o branco e o negro existen matices que a situación esixe explorar. Fagámolo.

Temos a capacidade, que non falte a vontade.

Así sexa.

Multimedia

  • Ofrenda do Reino de Galicia
  • Ofrenda do Reino de Galicia

Noticias relacionadas