O primeiro Arde Lvcvs internacional supera con sobresaínte as expectativas de participación e boa convivencia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, realizaba esta mañá unha valoración inicial da festa na que destacou o seguimento das actividades e a implicación e civismo da veciñanza.
 
A rexedora incidiu no papel dinamizador das celebracións, en tanto supuxo un revulsivo económico para o sector hostaleiro e unha considerable inxección para o comercio local.

Nesta edición conquistáronse preto de 5.000 novos seguidores en redes sociais, con respecto ao 2022, subindo, especialmente os da comunidade de Madrid e o alcance das publicación das contas de Arde Lvcvs dende xaneiro superou a cifra de 600.000.

Ademais, durante a fin de semana o servizo municipal LuceLugo retirou preto de 400.000 kg de refugallos, aumentando en máis de 16 toneladas o lixo recollido o ano anterior.

Luns, 26 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O primeiro Arde Lvcvs internacional supera con sobresaínte as expectativas de participación e boa convivencia

“Cumpríronse as expectativas. Tal e como estaba previsto este Arde Lvcvs – o primeiro co recoñecemento de Interese Turístico Internacional – foi non só un éxito de participación senón tamén de convivencia”.

Nestes termos a rexedora lucence, Lara Méndez, facía esta mañá unha valoración inicial das festas de recreación histórica da cidade, “que nunha nova edición volveron ser un éxito, a pesares das altas temperaturas que tivemos estes días e que, en determinados momentos da xornada, puideron rebaixar a presenza de público nas rúas”.

Segundo a alcaldesa “o XXII Arde Lvcvs remata deixándonos un gran sabor de boca tanto no que ten que ver coa animación e dinamización nas rúas como a consecuencia que isto ten a nivel de revulsivo económico xa que a ocupación hoteleira e hostaleira foi moi boa”, afirmou Méndez.

“Tratouse, sen dúbida, novamente, dun Arde Lucus que non defraudou, no que se recolleron os froitos do traballo que durante todo o ano realizan as Asociacións para divulgar e potenciar os festexos e nos que quedou constatada unha elevada participación nas actividades e espectáculos organizados pero tamén a pé de rúa, como resposta ao reclamo e atractivo turístico e lúdico que ten o patrimonio material e inmaterial do municipio”, engadiu.

“Unha fin de semana de gran ambientación, que nos deixa dúas imaxes moi importantes, a dos establecementos comerciais e hostaleiros cheos, de novo, de actividade e a de miles de lucenses e visitantes gozando das nosas tradicións, compartindo a nosa historia e orixes, con múltiples escenas de confraternización que se viviron de xeito seguro e ordenado, converténdonos nun referente festivo, exemplo de convivencia”, resumiu Lara Méndez ao tempo que trasladou a gratitude do Concello polo comportamento exemplar e o civismo que imperou nestes días.

A alcaldesa incidiu nas importantes repercusións que tivo a celebración como inxección económica para a cidade a todos os niveis, “para a hostalaría especialmente, onde a ocupación rondou o 100% tanto na capital como nos arredores, sendo o primeiro sector máis beneficiado, pero tamén reverteu positivamente no comercio local e no resto de establecementos”, sostivo.

Da afluencia rexistrada, dá boa conta tamén a cantidade de lixo recollido polo servizo de limpeza viaria Luce Lugo e que neste 2023 ascendeu a un total aproximado de 400.000 kilos de refugallos, superando as cifras de 2022 (383.700 kg) e 2019 (358.720 kg).

Outro dos grandes indicadores é, sen dúbida, o alcance que tiveron as plataformas dixitais, xa que a comunidade das contas oficiais do Arde Lvcvs acadou este ano 47.270 usuario/as nun total de cinco redes sociais (o que supón un aumento dun 11’7% con respecto a 2022), estreándose en TikTok (alén de Facebook, Instagram, Twitter e Youtube).

Como principais mostras deste seguimento, figura que durante a campaña desta edición conquistáronse preto de 5.000 novo/as seguidore/as (4.955) con relación ao ano pasado, subindo, especialmente os da comunidade de Madrid.

Igualmente, e de xeito similar ao que sucedeu en edicións anteriores, o contido obtivo un alcance internacional chegando, a usuario/as de toda España, Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia, Brasil, México, Reino Unido e Ecuador.

En total, o alcance das publicación das contas de Arde Lucus, desde xaneiro de 2023, superou a cifra de 600.000.

En canto ao perfil de Arde Lvcvs en TikTok, inaugurado nesta edición, superou as 30.000 visualizacións nas 18 publicacións compartidas e o cancelo #ArdeLvcvs acadou 386’3 K visualizacións.

A rexedora quixo, igualmente, poñer en valor o traballo realizado tanto por parte do Concello, dende a área de Xuventude e Deportes que dirixiu Mauricio Repetto, por todos e todas as técnicas municipais, así como o levado a cabo polas 19 Asociacións. “Un labor intenso e moi rigoroso, imprescindible, que avaliamos cun sobresaínte e que alén dos colectivos lucenses facemos extensivo a todas aquelas entidades que viñeron doutros lugares de España e que nos acompañaron, enriquecendo as nosas festas”.

Xa para concluír, Méndez puxo en valor o desfile escolar, como exemplo dunha das actividades máis consolidadas do Arde Lvcvs, “que demostra que a chama dos festexos perdura acesa e ten a súa continuidade asegurada, algo que para nós é fundamental en tanto denota que a esencia destas celebracións prendeu xa nas xeracións máis novas como parte do legado e do patrimonio que queremos respectar, protexer e conservar”, finalizou.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o balance do Arde Lvcvs  | Descargar mp3

Noticias relacionadas