O patrimonio romano de Lugo está disperso nunha ducia de instalacións e o Concello custodia máis de 15.000 pezas catalogadas

A Xunta carece dun inventario actualizado xa que case tanto material como o que ten catalogado a administración local está gardado en casas particulares dos arqueólogos
 
A alcaldesa Lara Méndez insiste na necesidade de “pór en valor todo este rico patrimonio, e iso pasa por ter un Museo no casco histórico referente en investigación e divulgación”
 
Os Museos da Romanización que existen en España se ubican nas zonas históricas da cidade porque non se pode entender a súa importancia se comprender a súa contorna

Luns, 16 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O patrimonio romano de Lugo está disperso nunha ducia de instalacións e o Concello custodia máis de 15.000 pezas catalogadas

O Concello de Lugo custodia máis de 15.000 pezas arqueolóxicas, propiedade da Xunta, en instalacións municipais, que son só unha parte das miles que están dispersas nunha ducia de dependencias, non só da administración local, tamén da Deputación, da Xunta e incluso en domicilios privados de arqueólogos.

“A realidade é que nestes momentos resulta imposible cuantificar o abundante patrimonio romano do que dispoñemos porque a Xunta carece dun rexistro actualizado”, destacou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que, acompañada do edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e do arqueólogo municipal, amosaba públicamente parte das coleccións arqueolóxicas que alberga o Vello Cárcere para constatar a necesidade de reunificalas todas nun mesmo enclave “para poder seguir coas investigacións e a divulgación”.

A rexedora relatou que dende o ano 1986 e ata aproximadamente 1993, o Concello foi depositario dun conxunto de materiais arqueolóxicos procedentes das escavacións realizadas na cidade, que actualmente se atopan distribuídas en diferentes centros.

“Só neste inmoble temos ao redor de 1,200 caixas con miles de pezas diversas como cerámica, bronces, vidros, moedas, etc. Pero nos baixos da Casa da Xuventude hai 221 elementos líticos, entre muíños, basas/fustes de columnas e outros, así como un número indeterminado de ladrillos/tellas romanas, mentres que o almacén de Frigsa contén outros 100 obxectos máis. Un compendio – abondou Lara Méndez – ao que cómpre engadir as 232 pezas que figuran en exposición na S.E Porta Miñá, 22 máis no C.A. San Roque, outras 9  naCasa dos Mosaicos e 13 no MIHL, así como nos xardíns da Praza do Campo Castelo onde se encontran 9 pezas líticas como sillares de acueducto, basas/fuste de columna ou escudos heráldicos”.

Durante a súa intervención, a alcaldesa fixo mención tamén aos restos procedentes das últimas escavacións realizadas no termo municipal e que se atopan repartidos polo Museo Histórico Provincial, no Castro de Viladonga e no Balneario, alén de nos domicilios de arqueólogos que, a título particular, ofreceron as súas casas para albergalos.

“Son, por tanto, milleiros os vestixios romanos que están catalogados, espallados en multitude de centros e tamén en vivendas privadas que, para a súa posta en valor, precisan primeiro dun inventariado rigoroso e, a continuación, dun lugar de referencia para o seu estudo e exposición xa que a súa ausencia está a dificultar o impulso da investigación e a conservación dos xacementos, así como o desenvolvemento de actividades divulgativas e educativas  que esixen centralizar e unificar nun mesmo espacio o seu almacenamento e salvagarda”.

“E ningún continente mellor que o propio Cuartel de San Fernando situado no casco histórico e polo tanto, na mesma cidade romana, sobre o que, ademais dun compromiso para convertelo en Museo da Romanización, se ten realizado xa un investimento superior aos tres millóns de euros”, lembrou Lara Méndez que, a este respecto, cualificou de “improvisación o cambio repentino de posicionamento por parte da Xunta coa súa proposta de sacalo do centro da cidade, o que faría que Lugo camiñase ao revés do resto de cidades”.

A intención da Xunta, de crear un Parador no Cuartel de San Fernando, faría de Lugo a única cidade de España cun Museo de Romanización alonxado do Casco Histórico

A alcaldesa relatou que todos os Museos da Romanización de España ubícanse precisamente nos Cascos Históricos “porque se entende que a propia contorna é un valor engadido das instalacións e así mencionou, como exemplos, o Museo Nacional de Arte Romana, que se integra dentro do Conxunto Arqueolóxico da cidade de Mérida; o Museo da Romanización que custodia os fondos de arqueoloxía romana do Museo da Rioxa e do Concello de Calahorra, ubicado nun palacete modernista construído na década dos 30 do século XX en pleno centro histórico de Calahorra; os obxectos achados nas escavacións desenvolvidas en Tarragona que se poden contemplar no Museo Nacional Arqueolóxico de Tarragona (MNAT), situado aos pés da Torre do Pretorio ou o edificio de Braga situado nun enclave cun amplo xardín de acceso libre ao público e que ocupa a zona arqueolóxica máis importante e mellor conservada da cidade.

“O Conselleiro, nun desconcertante xesto de desealdade institucional, aínda non nos deu conta de en qué consiste o proxecto que ten pensado para Lugo pero publicamente falou de que estudos rigorosos avalan o seu Parador. Estudos, que por certo, cómpre sinalar, xa existían tamén para o Museo”, lembrou Méndez.

“De feito, o propio director xeral de Patrimonio, Rei Pichel, explicaba no Parlamento en 2011 que o Museo da Romanización de Lugo sería un fito cultural e destacaba que, nese momento xa se investiran 218.000 euros en protocolos de colaboración, estudos de conservación, probas de carga e reforzos de seguridade, ademais dos premios do concurso e as escavacións e informes que se fixeron, e o propio proxecto arquitectónico contaba incluso co visto e prace do Icomos, o organismo da UNESCO”.

“Non entendemos, pois, a qué obedece este cambio de parecer que, dende logo, non pode ser interpretado pola cidadanía lucense máis que como un descrédito ben sobre o criterio que emprega a Xunta en cada ocasión, ben sobre o seu compromiso co noso concello”, concluíu a rexedora. “Agardamos que o mércores, na entrevista que lle solicitamos, o Conselleiro sexa capaz de explicarnos os motivos nos que sustenta este bandazo e tamén de dar conta dos estudos que certifican que se San Fernando non é o mellor sitio para o Museo da Romanización de Lugo, o MIHL si o é”.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre os restos arqueolóxicos do cuartel de San Fernando (I) | Descargar mp3
  • A alcadesa Lara Méndez, sobre os restos arqueolóxicos do cuartel de San Fernando (II) | Descargar mp3

Noticias relacionadas