O Parque de Bombeiros de Lugo implanta unha tecnoloxía de xestión integral punteira para minorar os tempos de resposta

Lara Méndez supervisou os novos equipamentos tecnolóxicos, de material e traxes especiais así como un novo vehículo, que é híbrido e polo tanto, menos contaminante

O de Lugo é, xunto co de Pontevedra, o primeiro parque de Galicia que incorpora esta ferramenta informática, que mellora tamén a xestión do material e as tarefas diarias

A rexedora destacou que  “apostamos por mellorar a seguridade dos bombeiros, pero tamén por optimizar a resposta do servizo á veciñanza para a súa mellor protección”

Sábado, 17 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Parque de Bombeiros de Lugo implanta unha tecnoloxía de xestión integral punteira para minorar os tempos de resposta

O Parque de Bombeiros de Lugo implanta unha tecnoloxía de xestión integral punteira para minorar os tempos de resposta nas súas intervencións, o que o convirte, xunto co parque de Pontevedra, no primeiro de Galicia en dispor desta ferramenta para mellora os servizos que presta á cidadanía. 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou, acompañada do Sarxento Xefe, Miguel López, o funcionamento deste novo equipamento informático, así como os novos equipos de material, os traxes especiais e os novos vehículos cos que o Concello está a modernizar o funcionamento deste servizo, nos que se investiron máis de 200.000 euros.

A nova aplicación, Gesparques, leva en funcionamento dende comezo de ano, e durante este tempo se traballou na posta en marcha do mesmo e na formación dos efectivos. “Grazas a ela podemos definir o tipo de actuación que se vai realizar desde o primeiro momento da chamada de emerxencia, elixir os roteiros máis idóneos para acudir con celeridade e coñecer, antes incluso de chegar, as condicións da zona onde se vai a actuar co fin de minorar os tempos de resposta”, explicou o Sarxento Xefe. Tamén permite mellorar a xestión de persoal, de material e as tarefas diarias, así como recoller inventarios e bases de datos. Os bombeiros utilizan, ademais un sistema dixital de radiocomunicacións, que facilita as interlocucións durante as intervencións, tanto no lugar do sinistro, como entre os vehículos e a base.

A rexedora felicitou aos bombeiros polo traballo que están a realizar, e destacou que  “apostamos por mellorar a seguridade e a protección dos traballadores, pero tamén na optimización da resposta á veciñanza do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento en caso de emerxencia”.

Lara Méndez tamén aproveitou para ver os novos traxes especiais do servizo, que, ademais de ofrecer unha maior protección fronte ao lume, integra un arnés de posicionamento que mellora a seguridade dos bombeiros en todas as intervencións que impliquen o uso da autoescaleira, ou a realización de traballos en altura. Tamén se adquiriron traxes especiais para intervencións con mercadorías perigosas, para traballos de corte con motoserra e para intervencións con avespa velutina, xunto con cascos fotoluminescentes, que melloran a localización dos efectivos e, por tanto, a súa seguridade.

A alcaldesa tamén probou o novo vehículo que se acaba de incorporar á frota do parque, destinado á coordinación de emerxencias durante os sinistros. Trátase dun vehículo SUV híbrido, que cumpre coa normativa Euro 6, con distintivo medioambiental da DXT "ECO", debido ás súas baixas emisións e baixo consumo, que o converte nunha “aposta ecolóxica e respectuosa co medio ambiente cara o obxectivo de modelo de cidade verde e amable que temos”, destacou Lara Méndez. É o segundo vehículo destas características que o Concello incorpora ao seu parque móbil.

Outra renovación nos vehículos dos bombeiros é a rotulación e as das pontes de iluminación, “que permite mellorar a visibilidade dos vehículos en situacións de emerxencia e adaptalos á regulamentación actual”, explicou Miguel López.

Tamén lembraron que, no que vai de ano, o corpo de Bombeiros, que dende finais de 2019 conta con 23 efectivos máis, realizou dúas accións formativas, unha de rescate en accidentes de tráfico e outra de hidráulica aplicada aos  SPEIS, e hai previsión dunha terceira a finais de decembro ou principios de xaneiro de rescate en altura e lugares de difícil acceso.  “O coñecemento das técnicas e manobras precisas son fundamentais” explicou a rexedora, quen fixo fincapé na importancia da formación continuada do persoal de bombeiros porque significa máis seguridade para a cidade”, aseverou Méndez.

Noticias relacionadas