O Goberno de Lara Méndez reforza as medidas de protección na xornada electoral para incrementar a seguridade da cidadanía

O Concello de Lugo decidiu ampliar o número de locais, de 68 a 83, para aumentar a distancia entre as mesas, diminuír a formación de colas e xestionar, coa menor confusión posible, as entradas e saídas diferenciadas dos enclaves de votación, mellorando así o protocolo autonómico

Este desdobramento dos recintos supuxo un mes de traballo intensivo para o persoal muinicipal que se concentrou, fundamentalmente, na sinalización exterior para separar os accesos e na instalación das indicacións que deben respectar as e os electores

Ademais, cinco colexios electorais tiveron que trasladarse a outras dependencias ao non axustarse á normativa emitida pola Xunta de Galicia

Venres, 10 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez reforza as medidas de protección na xornada electoral para incrementar a seguridade da cidadanía

O Goberno de Lara Méndez vén de reforzar as medidas de protección contra o coronavirus na xornada electoral para incrementar a seguridade da cidadanía.

Así, o Concello de Lugo decidiu ampliar o número de locais, pasando de 68 a 83, 15 máis do habitual, para aumentar a separación entre as mesas, velar polo cumprimento da distancia interpersoal establecida e, co fin de diminuír a formación de colas, xestionar, coa menor confusión posible, as entradas e saídas diferenciadas dos enclaves de votación, mellorando así o protocolo autonómico.

A rexedora, Lara Méndez, sinalaba esta mañá que “co ánimo de gañar en seguridade, nunha xornada tan importante coma esta, decidimos, sempre que foi viable, ir máis aló das pautas emitidas polo executivo galego en prol de trasladar seguridade e tranquilidade para que a nosa veciñanza acuda a exercer o seu dereito con todas as garantías hixiénico- sanitarias”.

A alcaldesa referiu que este traballo de desdobramento dos recintos, realizado en coordinación co persoal da Xunta, ocupou durante un mes enteiro o labor de distintos empregados municipais que centraron o seu cometido fundamentalmente, na sinalización exterior para separar os accesos e na instalación das indicacións que deben respectar as e os electores.

“Ademais de colocar as instrucións no interior dos locais, procedeuse a guiar, con cintas separadoras, os percorridos ás diferentes mesas. Tamén se instalou cartelería coa información correspondente e, alí onde foi posible, se habilitaron portas secundarias ou de emerxencia como direccións de saída obrigatoria dos inmobles para evitar o cruzamento entre persoas - explicou Lara Méndez - medidas coas que se pretende acadar un menor impacto sanitario e tamén visual, evitando a imaxe de longas ringleiras de agarda que desanimen á poboación a votar”.

Alén disto, cinco colexios electorais tiveron que trasladarse a outras depedencias ao non axustarse á normativa emitida pola Xunta de Galicia. Un cambio que xa foi advertido nas tarxetas censais ás e aos afectados.

Trátase da Casa das Linguas, onde había 4 mesas. As 4 se trasladan á Facultade de Veterinaria; 2 ao recibidor e as outras 2 ao aulario.

Tamén na Escola Infantil Paradai haberá variacións. Das 2 mesas que acolle habitualmente, unha pasará ao edificio administrativo da Xunta de Galicia.

Algo similar acontece na Oficina de Recadación da Deputación, sita na rúa Tui, onde se conserva unha das 2 mesas que ten e a outra pasa á rúa Mondoñedo, número 33.

Igualmente, a situada no Punto de Información Xuvenil da Praza do Casteiñeiro, se ubicará na sede de Afalu, a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer, en Juana la Loca, 27.

E finalmente, o Edificio de Novas Tecnoloxías permanecerá pechado e as 2 mesas que acollía se ubicarán, como antigamente, na sede da Axencia Tributaria.

En canto ao recintos nos que se despregan as mesas electorais e que tamén sufriron algunha modificación, son os seguintes:

  • No Centro Cívico Maruja Mallo e Centro de Día Antonio Gandoy, onde, en total, había 4 mesas, habilitaranse 2 entradas distintas e dúas mesas en cada local.
  • No IES San Xiao, no CEIP as Mercedes e no CEIP Luis Pimentel haberá 2 mesas, cada unha nun local diferenciado.
  • O Centro Cívico de Fingoi e o IES Muralla Romana albergarán 3 mesas, repartidas en 2 locais.
  • Pola súa banda, o CEIP Paradai e o CEIP de Albeiros, terán 4 mesas en 2 locais distintos e, o Parque de Bombeiros e o CEIP Menéndez Pelayo contará con 4 mesas, en 3 locais. Finalmente, a Sección de Cualificación de Discapacidades da Xunta de Galicia, contará con 3 mesas, repartidas en 2 locais.
  • Así mesmo, noutros CEIP’s como os de A Ponte, Casás e Manuel Mallo Mallo, as mesas foron derivadas aos pavillóns.
  • Dende o Concello, recoméndase á cidadanía non acudir a esta cita coas urnas á última hora do día xa que, no caso de formación de filas, só se admitirá o voto daquelas persoas que consigan emitilo antes do peche dos colexios electorais previsto para as 20:00 horas da tarde do domingo.

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez reforza as medidas de protección na xornada electoral para incrementar a seguridade da cidadanía
  • O Goberno de Lara Méndez reforza as medidas de protección na xornada electoral para incrementar a seguridade da cidadanía
  • O Goberno de Lara Méndez reforza as medidas de protección na xornada electoral para incrementar a seguridade da cidadanía

Noticias relacionadas