O Executivo de Lara Méndez contrapón as fortalezas da Estratexia Municipal de Recuperación Económica fronte ao cortoplacismo do ‘Doing Business’

O Goberno local rexeitou a proposición do Partido Popular á que cualificou como “unha medida illada que obedece a políticas de inmediatez, só baseadas en incentivos fiscais con imposicións para os Concellos”.

A tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, descartou tamén recorrer ás ECCOM como certificadoras das licenzas municipais e defendeu a función pública “en prol das garantías do procedemento e do interese xeral”.

Xoves, 25 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lara Méndez rexeitou esta mañá a proposta para incluír ao Concello de Lugo na rede ‘Doing Business’ por considerala “cortoplacista e illada”.

A tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, asegurou que se trata “dunha medida que, de tan simplificada, só atende a criterios oportunistas, a políticas de inmediatez que se poden traducir no vostede pague, que xa invito eu”.

A concelleira de Gobernanza fixo esta reflexión ao respecto da obrigatoriedade que se lle pretende impoñer ás Administracións locais para eximir de determinados tributos municipais, como o IBI, ás empresas que se implanten ao abeiro dos fondos europeos.

“Un requisito que xa se está a cuestionar xudicialmente por entender que atenta contra as competencias que teñen recoñecidas os Concellos e que ademais pon en perigo a súa solvencia por comprometer a capacidade de recadación que temos o que, en termos prácticos, afectaría á calidade dos servizos públicos que se prestan”, indicou.

Alvarellos Fondo lembrou que o Imposto de Bens Inmobles é o máis cuantioso dos que percibe a Institución, a través do cal as arcas municipais ingresan cada ano ao redor de 22 millóns de euros.

“Cartos cos que logo sufragamos as axudas da Emerxencia Social, as achegas á vivenda, as actividades de conciliación familiar, o Xantar no Fogar ou o copago do Servizo de Axuda a Domicilio, cos que pagamos o transporte público e a recollida de lixo, os comedores escolares e a limpeza dos centros educativos... etc”

“Para os Concellos, polo menos para o de Lugo, os tributos son ao redor do 55% dos ingresos que conforman o orzamento municipal. Non podemos prescindir deles para participar da súa campaña propagandística. Nin punto de comparación coa estrutura duns presupostos autonómicos que a penas se nutren do recurso da fiscalidade. Iso sí, a Xunta recada en Lugo máis dun millón de euros ao ano en concepto do canon da auga, e nunca se lles ocorreu reclamar tan sequera, que como imposto finalista que é, fixeran algún investimento no municipio, para canto máis pedirlle, como vostedes nos instan agora a nós, que prescinda del”.

A responsable da área económica aproveitou a súa intervención para contrapoñer, fronte á proposición do Partido Popular a estratexia de dinamización económica do municipio que está a desenvolver o Goberno de Lara Méndez.

“Coa nosa negativa a esta proposta non lle estamos dicindo non aos fondos da recuperación, ao contrario, dicimos así non... porque non só se trata de atraer, senón de reter; non estamos freando o investimento, estamos apostando por unha auténtica transformación, por un modelo de cidade que aproveite as nosas potencialidades, os nosos recursos propios, que cree empresas estables e traballo de calidade. Iso é o Lugo Transforma, mentres que o que vostedes propoñen non é máis que un instrumento que se ampara na imposición de obrigas aos Concellos, que carece dunha visión sosegada e respectuosa coa realidade de cada municipio e que ten un carácter temporal porque só se basea en incentivos fiscais que, por certo nos saen da pel ás Administracións locais”, indicou Paula Alvarellos.

Por outra banda, a tenente de alcaldesa referiuse tamén á vertente urbanística da proposición do Pp na que presentaba como ‘solución infalible’ á axilización de licenzas que fosen Empresas de Certificación as encargadas de darlles conformidade aos permisos.

Neste senso, Alvarellos Fondo lembrou que a área de Urbanismo traballa xa baixo unha recente instrución que regula a tramitación dos títulos habilitantes para obras de edificación e na que se estableceron prazos de resposta tanto para Administración como para as e os administrados.

“Pautas que xa están en vigor e que moi pronto se acompañarán e apoiarán tamén na Ordenanza na que o departamento avanza e coa que pretendemos harmonizar e unificar os criterios polo que se rexen este tipo de autorizacións”, indicou a edil ao tempo que lembrou, como exemplo, que Lugo foi o primeiro gran Concello de Galicia en ter homoxeneizados os niveis de protección do seu patrimonio catalogado.

“É dicir, para este Executivo local, pese a que fruste moitas aspiracións na oposición, a concesión de licenzas debe abordarse con rigor, baixo procedementos garantistas, non oportunistas, que prioricen o interese xeral - inherente á función pública - e non de parte e que, polo tanto, esixen dunha alta especialización técnica no planeamento urbanístico municipal xa que a responsabilidade final do acto de autorización recae na Administración local”, afirmou.

“E senón, expliquenlle vostedes á cidadanía primeiro, porque queren repercutir na veciñanza o custo do servizo desa entidade, que os técnicos municipais, na súa condición de funcionarios públicos, fan gratuitamente; explique que tarifas e prezos rexerán neses servizos para evitar que os que máis teñen saian beneficiados con respecto ao xeral das e dos cidadáns que queren facer una obra ou implantar una actividade. Explíquenlle se a entidade certificadora está disposta a avaliar un proxecto sen que estea completo con tal de axustarse a ese prazo de 1 mes, aínda que o expediente non se atope debidamente conformado. E expliquenlle de paso, tamén, quen asumirá as responsabilidades derivadas de posibles irregularidades nos proxectos de obra que, baixo a súa máxica solución, se poidan outorgar”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, sobre a axilización de licenzas | Descargar mp3

Noticias relacionadas