O edificio Impulso Verde, que se levantará na zona da Garaballa, será construído con madeira certificada da Mariña

A alcaldesa e o edil de Urbanismo Sostible visitaron hoxe, en compañía do deputado provincial Pablo Rivera e do rexedor de Alfoz, Jorge Val, as instalacións do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz, que fornecerá os 430m3 de madeira necesarios para executar as obras adxudicadas á empresa EGOIN S.A.

Lara Méndez: “Queremos demostrar que un novo modelo construtivo máis respectuoso co medio ambiente non só é posible, senón que ademais, pode axudar a dinamizar un sector clave na nosa economía como é o forestal”

Luns, 07 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O edificio Impulso Verde, que se levantará na zona da Garaballa, será construído con madeira certificada da Mariña

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, visitaron este luns, acompañados polo deputado provincial Pablo Rivera e o rexedor de Alfoz, Jorge Val, as instalacións do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz, que será o encargado de subministrar os 430 m3 de madeira necesarios para fabricar o taboleiro que se empregará na construción do Impulso Verde. A delegación institucional mantivo un encontro cos seus xerentes para coñecer de primeira man este centro de traballo, un referente do sector forestal no norte da comunidade.

As obras do edificio, que se levantará na zona da Garaballa no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns á empresa EGOIN S.A. e contan cun prazo máximo de execución de 15 meses. Esta compañía chegou a un acordo co serradoiro lugués para o subministro da madeira, co que o Impulso Verde será, así mesmo, o primeiro edificio público de Galicia que se constrúe na súa totalidade con madeira autóctona certificada, concretamente da Mariña, cumprindo un dos requisitos fundamentais que establecía o prego de condicións elaborado polo executivo municipal.

Neste senso, Lara Méndez destacou que “dende que puxemos en marcha o proxecto e, pese as dificultades iniciais, mantivemos o noso firme compromiso de apostar pola madeira do noso monte como principal elemento construtivo do edificio, pois queremos demostrar que un novo modelo construtivo máis respectuoso co medio ambiente non só é posible, senón que ademais, pode axudar a dinamizar un sector que conta cun gran peso na nosa economía como é o forestal”.

Non en van, este sector representa un 2% do PIB da comunidade galega, elevándose ata aproximadamente o 8% na provincia de Lugo. Concretamente, A Mariña é unha das comarcas que rexistra máis curtas de madeira de Galicia e tamén de España.

“Ademais de dar emprego a centos de familias, trátase dun sector clave para evitar o despoboamento no rural e, por iso, dende o Concello estamos especialmente orgullosos de contribuír ao seu pulo, dándolle un valor engadido á madeira ao convertela e empregala en edificacións”, engadiu a alcaldesa.

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións.

O serradoiro Hijos de Ramón Rubal conta con máis de 85 anos de experiencia dedicados á explotación e xestión forestal. Encargarase da curta da madeira no monte, o transporte, a primeira transformación e o envío do produto final.

O Impulso Verde será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles. Actualmente estase a estudar o proxecto polo que logo se rexerá o planeamento urbanístico da zona.

Características do edificio

O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.

En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a visita ó serradoiro, para o proxeto "Impulso Verde I" |