O Concello garante a conservación das vías municipais tras as extraccións de madeira cun convenio co sector forestal

A Alcaldesa e o presidente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, que agrupa a 252 empresas que operan na provincia, asinan un acordo de colaboración segundo o que, de producirse danos tras as sacas, a madeireira que fixo os traballos ocuparase de reparalos

O obxectivo é “conciliar o aproveitamento sostible dos nosos montes co mantemento en bo estado dos servizos municipais empregados para esta actividade económica fundamental no concello, no que o 52% da superficie é forestal, e coa calidade de vida da veciñanza do rural”, subliñou Lara Méndez

Martes, 24 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello garante a conservación das vías municipais tras as extraccións de madeira cun convenio co sector forestal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Daniel Díaz, asinaron este martes no Salón de Plenos un convenio de colaboración que garantirá a conservación en bo estado das vías municipais tras as extraccións de madeira. “Damos un paso moi importante para conciliar o aproveitamento racional e sostible dos nosos montes co mantemento en bo estado dos servizos municipais empregados para esta actividade económica fundamental no noso municipio, no que o 52% é superficie forestal, e, en definitiva, coa calidade de vida dos veciños e veciñas do rural. Queremos que se poida vivir do rural e no rural”, subliñou a rexedora nun acto no que, xunto a Daniel Díaz, estiveron o Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, e a secretaria xeral da asociación de empresarios da madeira lucense, Nuria Rodríguez.

Esta entidade agrupa a día de hoxe a 252 empresas, que representan o 99% das que operan na provincia, polo que “practicamente toda as extraccións de madeira que se fagan no noso concello van estar reguladas e amparadas por este convenio”, explicou a Alcaldesa, que augurou a “eficacia” do acordo, porque é froito do “diálogo e da vontade de colaboración” de ambas partes, o Concello e o sector.

O convenio supón a implantación dun protocolo de actuación, segundo o que antes de cada extracción a empresa madeireira comunica ao Concello a zona na que se vai talar, a vía ou vías municipais que se van utilizar para a saca e o punto de acopio da madeira. O Concello comprobará o estado das vías ao finalizar os traballos, e, de producirse danos directamente imputables á actuación da empresa que os realizou, esta farase cargo da súa reparación.

Lara Méndez destacou a importancia do sector forestal en Lugo, “un motor económico de primeira orde, cunha gran capacidade de xerar riqueza e emprego, ademais dunha fonte de ingresos complementaria na renda familiar para moitos veciños e veciñas”. Así o certifica que a provincia é unhas das de maior producción de España, con 3,8 millóns de toneladas extraídas en 2017, e que no concello preto do 52%da superficie é  agroforestal (170kms2, segundo datos do Instituto Galego de Estatística).

Como ferramenta complementaria, ademais deste convenio, a rexedora avanzou que o Goberno traballa na elaboración dunha ordenanza reguladora nese eido.

Desenvolvemento sostible

Méndez enmarcou esta iniciativa no compromiso do Goberno co rural e co desenvolvemento económico sostible, que, de feito, baseou todas as candidaturas coas que conseguiu fondos da Unión Europea, sinaladamente o plan Life, o Lugo+Biodinámico, encamiñado de maneira específica a impulsar unha planificación urbana sostible e un mellor aproveitamento forestal, fomentando o uso da madeira como elemento estrutural construtivo. No marco deste plan, o Concello, como lembrou a Alcaldesa, construirá un dos primeiros edificios medioambientalmente sostibles da cidade, con madeira como material de construción.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación de Madeira de Lugo destacou que o convenio asinado, que xa funciona dende hai anos noutros concellos da provincia, “simplifica a carga burocrática ao Concello e ás empresas, sen perder ningunha garantía”.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez sobre o convenio da madeira | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello garante a conservación das vías municipais tras as extraccións de madeira cun convenio co sector forestal

Noticias relacionadas