O Concello celebra os 180 anos da Rúa da Raíña, “o eixo principal ao redor do que se articulou o ensanche liberal da cidade”

O descubrimento dunha placa conmemorativa no número 2 desta rúa e a publicación do libro Lugo, Maio de 1836: O Nacemento dunha Rúa, de Julio Reboredo conmemoran o aniversario

Luns, 16 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presidiu este luns os actos institucionais organizados polo Concello para celebrar os 180 anos do nacemento da Rúa da Raíña, “a primera rúa aberta na Idade Contemporánea, que foi o eixo principal ao redor do que se articulou o ensanche liberal da cidade”, tal e como a definiu a edil. Os actos, aos que tamén asistiron membros da Corporación Municipal, así como a Delegada de Facenda en Lugo, María Elena Rosendo, e o Deputado de Promoción do Territorio e Turismo, Eduardo Vidal, arrincaron no Salón de Plenos do Concello cunha breve lembranza do historiador Julio Reboredo, autor do libro Lugo, Maio de 1836: O Nacemento dunha Rúa que se publica con motivo do aniversario, sobre o nacemento e a evolución desta rúa.

Durante o acto, Carmen Basadre puxo en valor as orixes da rúa, que mudou de nome ao longo do tempo e “que constitúe unha parte importante da nosa historia local e o noso Concello”, ao tempo que fixo fincapé no libro, que conta con rigor histórico e polo miúdo “as circunstancias dun feito decisivo para o futuro daquel Lugo dos nosos devanceiros que é agora o noso presente”. A Concelleira tamén se referiu á Rúa da Raíña como o epicentro do desenvolvemento económico e social de Lugo.

Posteriormente, os participantes saíron en procesión cívica cara a rúa da Raíña, onde se descubriu unha placa conmemorativa, colocada no edificio que acolle a delegación de Lugo da Axencia Estatal de Adminsitración Tributaria, no número 2.

A placa reza o seguinte: Esta rúa abriuse o 16 de maio de 1836 e foi o eixe principal que artellou o ensanche de Lugo na época liberal. Primeiro chamáronlle simplemente Nueva, en 1840 o Concello bautizouna co nome do coronel Joaquín Cayuela, morto en acción de guerra contra os carlistas, e logo nomeouse da Raíña (por Isabel II), denominación que mantén hoxe despois de estar dedicada á Liberdade durante o Sexenio Revolucionario e a II República. Antes de facerse esta rúa, Lugo era unha minúscula cidade de estrutura aínda medieval composta polo Burgo Vello e o Burgo Novo, unidos pola Praza Maior onde tivo e ten a súa sede o Concello dende o século XVI.

Audio

  • Carmen Basadre, 180 aniversario da Rúa da Raíña | Descargar mp3

Multimedia

Noticias relacionadas