O Concello apoia o labor de integración social de Accem cunha xornada informativa sobre o plan Life para persoas refuxiadas

Continúa a divulgación deste proxecto de impulso ao desenvolvemento urbano sostible e a economía verde con obradoiros en colexios lucenses

Xoves, 21 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello apoia o labor de integración social de Accem cunha xornada informativa sobre o plan Life para persoas refuxiadas

O Concello ofreceu este xoves a un grupo de persoas refuxiadas unha xornada informativa sobre o proxecto de desenvolvemento urbano sostible Life Lugo+Biodinámico, unha actividade coa que apoiou o labor de integración que desenvolve Accem, unha ONG que traballa na defensa dos dereitos fundamentais, a atención e o acompañamento ás persoas que se encontran en situación ou risco de exclusión social. Así, un dos obxectivos do programa de integración sociolaboral de persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional, a Rede Ariadna, é a realización de obradoiros sobre medio ambiente de cara a favorecer a integración e a busca de oportunidades laborais.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, participou no obradoiro, que se desenvolveu na zona das Gándaras na que xa foi creado un pulmón verde urbano grazas ao Life. Participaron persoas orixinarias de Venezuela, Colombia e Sáhara Occidental, que coñeceron as accións realizadas no marco do proxecto Life, como a plantación dunha parcela de frondosas, cultivos enerxéticos e castiñeiros, ademais da recuperación do humidal As Gándaras O Ceao, para o que o Goberno propón o recoñecemento como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) co fin de mellorar a protección ambiental e o uso social desta xoia natural.

Ademais deste pulmón verde, o Lugo+Biodinámico contempla a construción do primeiro edificio público de Galicia con madeira galega e o deseño do primeiro barrio multiecolóxico de España en base a un catálogo de solucións urbanas para a adaptación ao cambio climático, que poderá aplicarse en calquera cidade europea. O programa Life é un dos piares do modelo de cidade do Goberno, co que impulsa o desenvolvemento urbano sostible e a economía verde.

Ademais desta xornada informativa con Accem, o Concello divulga o proxecto Life entre os nenos e nenas de Lugo a través de actividades programadas en colaboración cos colexios. Comezaron en febreiro no de Albeiros e dende entón xa se desenvolveron no de As Mercedes e Illa Verde. O 27 de marzo está previsto un obradoiro no CEIP das Gándaras e o 4 de abril no colexio Anexa. O 29 de abril, nenos e nenas do colexio de Guitiriz visitarán as plantacións do proxecto.

Multimedia

  • O Concello apoia o labor de integración social de Accem cunha xornada informativa sobre o plan Life para persoas refuxiadas
  • O Concello apoia o labor de integración social de Accem cunha xornada informativa sobre o plan Life para persoas refuxiadas

Noticias relacionadas