O Concello acomete a reparación do pavimento en San Marcos para mellorar a seguridade viaria

A brigada municipal procedeu esta mañá a arranxar os danos que ocasiona o paso de vehículos por esta vía peonil habilitada como alternativa para o tráfico rodado durante as obras de peonalización do Centro Histórico.

Os temporais que afectaron a Lugo nas últimas semanas obrigaron a adiar os traballos que comezaron esta xornada e continuarán nos vindeiros días.

Martes, 07 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello acomete a reparación do pavimento en San Marcos para mellorar a seguridade viaria

O Concello de Lugo procedeu esta mañá a reparar os danos que presentaba o pavimento na rúa San Marcos.

O deterioro é consecuencia do paso de tráfico rodado por esta vía peonil, habilitada como alternativa de circulación durante as obras de peonalización do Centro Histórico. Unha medida temporal que se constrinxe ás fases dos traballos que se están acometendo actualmente co fin de posibilitar o acceso de vehículos ao recinto amurallado.

Logo de varias xornadas de temporal, que obrigaron a adiar a intervención, a brigada municipal levou a cabo hoxe a reparación dunha parte das baldosas deterioradas, tarefas que continuarán nos vindeiros días. A superficie arranxada quedou cuberta por chapas metálicas - que se retirarán nas vindeiras horas - para protexela da intemperie e favorecer o selado dos materiais.

O Goberno local lamenta as molestias que poidan ocasionar á cidadanía o desenvolvemento das obras, que agarda sexan as mínimas e se concentren nun breve período de tempo, e lembra que o proxecto Corazón Verde, unha vez rematado, terá unha repercusión moi positiva para a capital en termos de accesibilidade, humanización do espazo público e protección do patrimonio con importantes beneficios medioambientais, para a saúde e o confort da poboación pero tamén en termos de dinamización económica e social.

Así mesmo, traslada a preocupación da Alcaldía por atender todas as demandas e peticións dos sectores nos que estas actuacións inciden directamente, de xeito que mantén unha comunicación aberta e permanente coa Plataforma do Barrio Centro na procura de incrementar o control aos traballos e as necesidades que, segundo estes avanzan, poidan xerar entre o conxunto de viandantes, comerciantes e persoas residentes.

Noticias relacionadas