O Concello abona no terceiro trimestre do ano 1.111 facturas aos provedores municipais por máis de 12’5 millóns de euros

O Goberno de Lara Méndez rebaixou o período medio de pago estimado até os 46’55 días, e o PMP até os 7’75 días dentro dos prazos legais establecidos.

Martes, 23 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abona no terceiro trimestre do ano 1.111 facturas aos provedores municipais por máis de 12’5 millóns de euros

O Goberno de Lara Méndez abonou entre xullo e setembro de 2021 un total de 1.111 facturas, principalmente a pequenos e medianos provedores, por valor de 12.602.021 euros, o 82’09% deste importe dentro do prazo legal establecido.

Esta é a principal conclusión – segundo sinalou a edil de Gobernanza - do informe de morosidade do terceiro trimestre do ano, no que tamén se pon de manifesto a solvencia económica da administración local que nos últimos tres meses rebaixou a 46’55 días o período medio de pago estimado (PMPE), dentro dos 60 que determina a lei.

“O documento constata que neses tres meses do exercicio, grazas á implantación dos protocolos de traballo internos que estamos a aplicar, fomos quen de incrementar a cantidade de diñeiro que se paga en prazo aos provedores municipais, pasando do 76’47% ao 82’09 % con respecto ao primeiro trimestre, indicou Paula Alvarellos que tamén destacou que, xeralmente, a maioría das facturas que quedan pendentes pertencen ou ben ás grandes compañías de subministración eléctrica e gas – pola súa especial dificultade na conformación – ou se corresponden con demoras nas que incorren as propias empresas á hora de presentar as facturas.

“Esta comparativa non só nos permite extraer que se está a rexistrar unha mellora cuantitativa senón que está a ter, alén, repercusións sobre a inmediatez coa que se realiza o pagamento, que se acurtou en case dez días sobre o balance de primeiros de ano, pasando o PMPE das 53’42 xornadas de media que se tardaba en realizar o pago ao inicio de 2021, ás 46’55 nas que se materializa agora”, abondou a concelleira.

A responsable da área económica aclarou que esta cifra diminúe cando o que se se contabilizan son os días que transcorren dende que se aproba o gasto ata que se materializa o seu pago efectivo (PMP), un dato que no mes de setembro chegou a baixar até os 7’75 días (menos dun terzo do prazo legal establecido en 30 días).

Dende o executivo queremos amosar a nosa satisfacción porque os pasos que levamos dados até o momento, en prol da eficacia administrativa e para que esta reverta nunha maior axilidade burocrática e unha mellor atención cidadá, estean a dar resultados. Son o froito da posta en marcha de moitas medidas, dende a organización do persoal pasando pola simplificación dos procedementos, pero tamén do firme compromiso amosado pola rexedora, Lara Méndez, para que nun contexto social de tanta incertidume como o que está a propiciar a pandemia, o Concello sexa o principal apoio dos sectores produtivos do municipio”, concluíu Paula Alvarellos.

Noticias relacionadas