Muller e Benestar suman forzas para visibilizar a fibromialxia, doenza da que o 95% dos pacientes afectados son mulleres

Coincidindo co Día Mundial desta enfermidade, o executivo de Lara Méndez iluminará na noite do xoves ao vernes a fachada da Casa Consistorial e a pasarela Tanxurela.

Celebrarase a charla-coloquio "Convivindo coa fibromialxia", a cargo do Dr. Carlos García Porrúa, o xoves 19 de maio a partir das 20.00 horas no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra. 

Mércores, 11 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Benestar suman forzas para visibilizar a fibromialxia, doenza da que o 95% dos pacientes afectados son mulleres

As concellerías de Muller e Igualdade e Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores suman forzas para visibilizar a fibromialxia, coincidindo co día mundial desta doenza, da que o 95% dos pacientes afectados son mulleres. Deste xeito, o executivo de Lara Méndez, iluminará na noite do xoves ao vernes a fachada da Casa Consistorial e a pasarela Tanxurela de cor morada con motivo da celebración, o 12 de maio, do Día Mundial da Fibromialxia e Síndrome da Fatiga Crónica.

Así mesmo complementarase a iluminación coa charla-coloquio "Convivindo coa fibromialxia", a cargo do Dr. Carlos García Porrúa, médico reumatólogo. Terá lugar o xoves, 19 de maio, a partir das 20.00 horas no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra. A entrada é libre ata completar aforo. García Porrúa exerceu como especialista en reumatoloxía no Hula, onde compaxinaba a súa actividade clínica coa investigadora e asumiu hai dous anos o posto de director médico no hospital Polusa.

Silvia Alonso e Olga López realizaron un chamamento á veciñanza para que participe nesta xornada para dar visibilidade ao colectivo que padece esta enfermidade, recoñecida como tal pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1992, e que aínda hoxe en día, é unha gran descoñecida para moitas persoas.

Do mesmo xeito, quixeron reivindicar a fortaleza das mulleres afectadas, que loitan por realizar a súa activiade diaria de forma normalizada a pesar de ter unha doenza que abrangue as esferas social, biolóxica e psicolóxica. Ansiedade, perda de memoria e concentración, alteracións do sono ou cansancio son algúns dos síntomas desta enfermidade "invisible e silenciosa" e crónica, caracterizada pola presenza de dor persistente que pode chegar a ser invalidante, especialmente en localizacións específicas do corpo.

Audio

 

Noticias relacionadas