Medio Ambiente licita a implantación de dous Puntos Limpos Móbiles para posibilitar a xestión selectiva de residuos no rural

O Executivo de Lara Méndez habilitará un novidoso sistema que visitará a totalidade das parroquias para dar un servizo directo ás 8.786 persoas que, actualmente, residen nelas.

O Concello espera recoller cada ano até 7 toneladas de restos voluminosos, 5 T de poda e 4’5 T de entullo de orixe doméstico e até 1.000 kg de electrodomésticos e 2.000 kg de téxtiles e calzado.

A Administración local pon en marcha a iniciativa ao abeiro da subvención recibida ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea.

Luns, 28 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente licita a implantación de dous Puntos Limpos Móbiles para posibilitar a xestión selectiva de residuos no rural

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente que dirixe Miguel Fernández, vén de licitar a implantación de dous Puntos Limpos Móbiles que complementarán ás instalacións fixas que o Concello xa ten no Ceao e que permitirán ás 8.786 persoas que actualmente residen nas parroquias lucenses desfacerse axeitadamente de pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, radiografías, lámpadas, fluorescentes, vernices, pinturas, disolventes, etc, sen necesidade de ter que trasladarse á capital.

Méndez explicou que o proxecto – que dispón de financiación europea ao resultar beneficiario do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - consistirá na implantación dun novidoso sistema que visitará a totalidade das parroquias que conforman o municipio, cun calendario previamente establecido e informado, aínda que adicionalmente e, en caso de ser preciso, estes Puntos Limpos tamén poderán prestar servizo a diversos barrios da capital.

“Só tendo en conta que o municipio ten 300 km2 de superficie, a posibilidade de dispoñer de elementos coma estes implicará un incremento da eficiencia na recollida pero tamén un notable aforro de custos e de emisións de CO2 derivados dos desprazamentos que agora mesmo realiza a poboación para este fin, o que redunda no modelo de cidade que estamos a impulsar”, sinalou a rexedora lucense.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, indicou que co orzamento dispoñible - 49.610 € - o Concello adquirirá dous remolques multilift con equipo de gancho e dous módulos de punto limpo móbil.

“O modelo elixido, pola súa versatilidade e funcionalidade de acordo ás necesidades municipais, é un remolque multiservizos compatible con diferentes estruturas, o cal se trasladará polas diferentes localizacións empregando os vehículos dos que xa dispoñemos e permitindo, deste xeito, o deposito de determinados tipos de residuos que posteriormente serán derivados aos xestores autorizados correspondentes, en base a un acordo establecido entre ambas entidades”, referiu o edil.

“O noso obxectivo é poder ofrecer un servizo inexistente até o momento, coa vocación de que teña continuidade no tempo, que permita mellorar a recollida selectiva, fomentar a separación en orixe diminuíndo a cantidade de impropios e evitando o vertido incontrolado de refugallos, minorando as repercusións medioambientais e posibilitando, alén, o aforro de materias primas para a súa recuperación e/ou reciclaxe”, subliñou o responsable de Cohesión Territorial.

Fernández incidiu en que, tendo en conta as características demográficas da zona rural e os hábitos de consumo, o Concello estima recoller de forma anual até 1.000 kg de pequenos electrodomésticos, 500 kg de pilas e baterías, 1.500 litros de aceites, 500 radiografías, 2.000 kg de téxtiles e calzado e 800 kg de xoguetes. Así como 1.000 unidades de lámpadas/ fluorescentes e 900 kg de pinturas, vernices e disolventes. A maiores de 7 toneladas de residuos voluminosos, 5 toneladas de poda e 4’5 T de entullo de orixe doméstico.

Antes de comezar a desprazar os Puntos Limpos polos diferentes núcleos, a área de Medio Ambiente publicitará o sistema e o seu funcionamento a través da páxina web municipal e das redes sociais da Institución, “así como o calendario co itinerario e tempos de permanencia en cada parroquia para tratar de darlle a maior difusión posible e promover, así, a súa utilización”, concluíu o concelleiro.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a licitación de Puntos Limpos no Rural | Descargar mp3

Noticias relacionadas