Maite Ferreiro traslada á Comisión de Festas a semana de actividades culturais do San Froilán

“Desde a área de Cultura mantemos o noso apoio ao sector cultural, do cal viven milleiros de familias na Galiza”, afirmou Maite Ferreiro

A edil de Cultura lembrou que “as distintas actividades culturais cumprirán cos protocolos emitidos polas autoridades sanitarias”

Mércores, 23 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro traslada á Comisión de Festas a semana de actividades culturais do San Froilán

A Comisión de Festas reuniuse no día de hoxe para facer seguimento da organización da semana de actividades culturais do San Froilán, que terán lugar entre o 4 e o 12 de outubro. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que “seguimos pendentes da evolución da situación sanitaria e dos cambios que poida sufrir até o inicio das actividades”.

Maite Ferreiro remarcou o compromiso do goberno municipal “en apoiar a un sector cultural que se atopa en situación de emerxencia debido ás múltiples actividades paralizadas pola situación sanitaria”. Para Maite Ferreiro “as distintas actividades realizadas nos últimos meses pola área de cultura demostraron que a cultura é segura”. Para asistir ás actividades será preciso retirar unha entrada previamente, e cada persoa terá asignado un asento no recinto do espectáculo. Cada un dos asentos cumprirán coa separación de 1.5m e haberá dispensadores de xel hidroalcohólico.

“O San Froilán deste ano non será unha festa, e desde a área de Cultura decidimos suspender os elementos máis festivos, como os fogos artificiais, as charangas e a iluminación”. Maite Ferreiro explicou que “utilizaremos, na medida do posíbel, o orzamento non utilizado na iluminación para, no Nadal para chegar a máis rúas da cidade”.

Os grupos locais formarán o groso das actuacións que, xunto con pequenos formatos de outros puntos da Galiza, realizarán un concerto diario, en sesión de tarde, en cada un dos recintos durante  a semana e dous nos días festivos e fin de semana, coa sesión vermú. “Non queremos fomentar a masificación nocturna na cidade, polo que as actividades rematarán sobre as 22:30 horas”.

A edil de Cultura confirmou os primeiros grupos que protagonizarán as festas. Segundo Maite Ferreiro, “contaremos coa calidade de grupos locais como Candorca, La Penúltima, Infrarroja ou Lagarto Zulú e coa música de grupos galegos importantes como De Vacas, Tito Ramírez, Verto, Emilio Rúa e Rosa Cedrón ou Leilía”.

O patio do Seminario Menor acollerá un ano máis o San Froilán Miúdo adaptando o espazo para que as familias poidan desfrutar de maneira segura aos 13 espectáculos de teatro, circo, maxia e música. Os primeiros espectáculos confirmados para a programación infantil son os de Mamá Cabra, o Mago Rafa e María Fumaça

Pregón

Maite Ferreiro confirmou que “Tonina Gay dará comezo á semana cultural do San Froilán, nun pregón que, debido á excepcionalidade da situación, se trasladará á mañá do día 4 de outubro”.

Audio

  • A edil de Cultura e Turismo, Maite Ferreiro, sobre a comisión de festas | Descargar mp3

Noticias relacionadas