Lugo homenaxea a memoria de Miguel Ángel Blanco no 20 aniversario do seu asasinato

A Praza Maior acolleu este mércores o acto no que se leu un manifesto e se gardou un minuto de silencio

Mércores, 12 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo homenaxea a memoria de Miguel Ángel Blanco no 20 aniversario do seu asasinato

A cidade de Lugo sumouse esta mañá aos actos de conmemoración do XX Aniversario do asasinato do Concelleiro de Ermua, Miguel Ángel Blanco, a mans da banda terrorista ETA. Con estes, o Concello únese aos que están celebrando distintas entidades por toda España.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu a homenaxe, á que tamén asistiu o Presidente da Deputación, Darío Campos, o Presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, o Delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ademais doutras membros da Corporación Municipal e outras autoridades e representantes da sociedade luguesa.

A rexedora foi a encargada de ler o manifesto, no que ademais de lembrar aqueles fatídicos momentos de xullo de 1997, subliñou o papel da sociedade, que se levantou democraticamente en defensa da liberdade, da paz e da convivencia.

Co compromiso de non olvidar, de non rebaixar as esixencias democráticas fronte a todos os terrorismos e terroristas, coa lectura deste manifesto tamén se fixo un chamamento a permanecer alerta e unidos, a desenvolver a fortaleza social necesaria para enfrontarse a aqueles que queren aniquilar a forma de convivencia e dereitos fundamentais actuais.

Tras a lectura, que se pechou Cun recordo sentido e sincero para Miguel Ángel Blanco, para todas as vítimas e familias, gardouse un minuto de silencio.

Méndez agradeceu a participación das persoas asistentes neste acto "de rexeitamento total e absoluto e de condena a toda manifestación terrorista, proceda do terrorismo do que proceda". Así mesmo, chamou "a seguir defendendo o Estado de Dereito e o Estado Democrático que temos" e a reivindicar ese espíritu que naceu en Ermua, que asentou as bases dunha mellor e máis eficaz política antiterrorista: a que defende que ten que haber vencedores: as vítimas e a sociedade democrática, e que ten que haber vencidos: os terroristas e os seus cómplices.

Multimedia

  • Lugo homenaxea a memoria de Miguel Ángel Blanco no 20 aniversario do seu asasinato

Noticias relacionadas