Lara Méndez visita as instalacións de Xilonor, a primeira fábrica de CLT en Galicia, acompañada dos socios da rede Mass Madera

A alcaldesa de Lugo coñeceu in situ o novo centro de produción de madeira contralaminada, situado no polígono industrial de Coirós.

Lara Méndez: “Será un punto de inflexión para o impulso da industria da transformación en Galicia e para a creación de novas oportunidades ligadas ao sector forestal”.

“O Concello de Lugo é pioneiro na aposta pola madeira como elemento construtivo, con proxectos como o Impulso Verde ou o novo edificio social de Lamas de Prado”, lembrou.

Lugo, xunto a Cuenca e Barcelona, é unha das tres administracións locais que impulsaron a creación da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada.

Luns, 05 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez visita as instalacións de Xilonor, a primeira fábrica de CLT en Galicia, acompañada dos socios da rede Mass Madera

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou este luns as instalacións de Xilonor, a primeira fábrica de madeira contralaminada de Galicia, acompañada de membros e socios da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada, Mass Madera. Lugo é, xunto a Cuenca e Barcelona, unha das tres administracións locais que impulsaron a creación desta plataforma, presentada o pasado mes de xullo.

A rexedora lucense coñeceu in situ o novo centro de producción de CLT (Cross Laminated Timber ou madeira contralaminada) situado no polígono industrial de Coirós que nace como resposta ao auxe no uso da madeira como elemento estructural de construción, polas súas ventaxas medioambientais e de sostibilidade, permitindo levantar edificios máis eficientes e confortables.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “a posta en funcionamento desta fábrica é unha fantástica noticia para Galicia, pois sendo unha das grandes potencias forestais do país, necesitabamos dunhas instalacións acordes que situaran á nosa comunidade no mercado de contralaminado, un material cada vez máis demandado na construción”.

“Así mesmo, supón un punto de inflexión para o impulso da industria da transformación en Galicia e, polo tanto, para a creación de novas oportunidades e postos de traballo ligados ao sector forestal e ao aproveitamento dos nosos recursos naturais de forma sostible”, explicou a rexedora, quen subliñou que “o Concello de Lugo é pioneiro na aposta pola madeira como elemento construtivo, con proxectos como o Impulso Verde, levantado integramente con este material, que xa é un referente a nivel internacional, sendo un dos poucos edificios no mundo en obter a certificación de proxecto FSC e galardonado en varias ocasións; así como o novo edificio de benestar social de Lamas de Prado”.

Deste xeito, Lara Méndez lembrou que “Lugo destaca entre os concellos españoles pola implantación dun modelo transformador, baseado no impulso da madeira e do sector forestal como solución construtiva, medioambiental e de diversificación económica”. “Buscamos afrontar os retos que aveciña o cambio climático con recursos propios que contribúen, á súa vez, non só á conservación do planeta, senón tamén á dinamización produtiva do territorio”, concluíu a rexedora.

Mass Madera

A Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada, Mass Madera, é unha plataforma integrada por laboratorios, gabinetes de arquitectura, empresas forestais, de enxeñería e montaxe, industrias especializadas e tamén promotores, Star Ups e organizacións públicas que nace coa vontade de tecer redes colaborativas que axuden a acelerar o uso deste material como solución á redución de emisións asociadas co sector da edificación. Un aspecto no que a institución que preside Lara Méndez é xa todo un referente a nivel nacional e internacional.

A rede ten como obxectivo coordinar e fomentar o intercambio de coñecemento, a divulgación e a posta en valor dunha axenda en común, creando até 15 iniciativas catalizadoras que fomenten a utilización da madeira maciza industrializada como unha das poucas alternativas ecolóxicas capaces de contrarrestar o contexto de emerxencia climática actual.

Multimedia

  • Lara Méndez visita as instalacións de Xilonor, a primeira fábrica de CLT en Galicia, acompañada dos socios da rede Mass Madera

Noticias relacionadas