Lara Méndez recolle a distinción entregada polo Ministerio que recoñece a transformación económica e urbanística de Lugo

A rexedora participou este xoves na cerimonia de entrega de premios celebrada na localidade valenciana de Sagunto, que estivo presidida pola ministra Diana Morant.

Lara Méndez: “É unha honra e unha tremenda satisfacción estar no podio de cidades que lideran a innovación no noso país”.

O xurado valorou especialmente a transformación sostible desenvolvida a través dos fondos europeos e a estratexia Lugo Transforma para atraer talento e crear emprego de calidade.

A obtención da distinción conleva, así mesmo, a incorporación á Rede Innpulso, un foro de encontro e definición de políticas locais innovadoras e espazo para compartir boas prácticas.

Xoves, 13 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez recolle a distinción entregada polo Ministerio que recoñece a transformación económica e urbanística de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recolleu este xoves, nunha cerimonia celebrada en Sagunto, presidida pola ministra Diana Morant, o galardón “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” que o Ministerio concedeu ao municipio lucense, xunto a outras nove localidades de España, por impulsar iniciativas que parten da innovación para transformar o territorio, fomentar un novo modelo de desenvolvemento sostible e crear máis e mellores oportunidades de traballo para a cidadanía, en especial para a mocidade.

En concreto, no caso de Lugo, o xurado, que realizou a selección por concorrencia competitiva,  valorou especialmente a transformación sostible desenvolvida a través dos fondos europeos e a estratexia Lugo Transforma para atraer talento e crear emprego de calidade.

Na súa intervención, Méndez felicitou ao Ministerio de Ciencia e Innovación e por extensión ao Goberno de España “por este tipo de iniciativas, pois son un acicate para seguir traballando e mellorando os nosos concellos e por tanto o territorio; as transformacións globais empezan no local e, por iso, é fundamental a implicación dos municipios”.

A rexedora subliñou que “é unha honra e unha tremenda satisfacción estar no podio de cidades que lideran a innovación no noso país”, neste senso explicou que “Lugo está inmerso nunha segunda gran transformación, na que traballamos en dúas vertentes: na transformación física e social da cidade; como exemplo estamos a utilizar a madeira como elemento estrutural para a realización de edificios públicos, e tamén hai xa iniciativas privadas que están a executar edificios co uso da madeira”.

“Pero se é importante a transformación física e social para non deixar a ninguén atrás, a transformación económica é imprescindible; se non temos oportunidades non seremos capaces nin de reter nin de atraer talento, que é o que perseguimos coa estratexia Lugo Transforma, un fondo de capital risco para impulsar empresas implantadas en Lugo, para dar oportunidades ás start ups que saen do Campus de Lugo e para que empresas que están noutros lugares do territorio veñan a Lugo e xeren emprego e riqueza”, subliñou.

“A innovación é un factor clave dos proxectos que queremos atraer ao noso municipio, aliñados coas pautas do modelo de cidade sostible e á vangarda da economía verde e circular, amigable e acolledora, pero tamén moderna, innovadora e tecnolóxica na que estamos a traballar”, subliñou.

A alcaldesa quixo facer extensible o recoñecemento a toda a cidade de Lugo, “froito desa escoita activa que temos no día a día coa cidadanía, cos axentes sociais e económicos trasládannos as súas inquietudes e necesidades e, por tanto, é mérito de toda a cidade, tamén de toda a parte técnica dos distintos servizos municipais e do goberno por crer, apostar e ser valentes en moitas decisións que non poden ser cortoplacistas, que teñen que ser a medio e longo prazo”.

Incorporación á Rede Innpulso

O Ministerio de Ciencia e Innovación, dirixido pola ministra Diana Morant, concedeu a distinción de ‘Ciudad de la Ciencia y la Innovación’ a dez novas localidades, entre as que se atopa Lugo, xunto a Algemesí (Valencia), Castelldefels (Barcelona), Irún (Guipúscoa), Puerto Real (Cádiz), Riba-Vermella de Turia (Valencia), Rubí (Barcelona), Sagunto (Valencia), L'Hospitalet de Llobregat (Bacelona) e Vitoria Gasteiz (Áraba).

A obtención da distinción conleva, así mesmo, a incorporación á Asociación Rede Innpulso. Este é un foro de encontro de todos aqueles concellos coa distinción "Ciudad de la Ciencia y la Innovación" que pretenden avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.

Neste senso, Lara Méndez indicou que “vimos con toda a ilusión a formar parte desta rede; para nós é importante formar da mesma, para achegar, na medida do posible, as nosas boas prácticas, pero sobre todo para seguir aprendendo e desenvolvendo accións no noso territorio”.

Así, a ‘Rede Innpulso’ é un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras e un espazo onde se comparten boas prácticas na xestión de políticas innovadoras e iniciativas de comunicación para trasladar estes proxectos á cidadanía. Esta Rede é un axente cada vez máis activo de promoción de políticas novas, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e os emprendedores e a definición de criterios de innovación. Tamén promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos programas europeos.

Finalmente, cómpre destacar que o Ministerio de Ciencia e Innovación está a destinar 10 millóns de euros para a incorporación de axentes locais de innovación nos concellos da ‘Rede Innpulso’. Deste xeito, grazas á súa incorporación na devandita rede, o Concello de Lugo poderá acceder ás axudas, para contratar axentes locais de innovación.

Multimedia

  • Lara Méndez recolle a distinción entregada polo Ministerio que recoñece a transformación económica e urbanística de Lugo

Noticias relacionadas