Lara Méndez presentou hoxe aos axentes económicos e sociais de Lugo os orzamentos da recuperación para o 2021

A alcaldesa expuxo aos membros do CES a folla de ruta do Concello para o vindeiro ano, “cun reforzo histórico das políticas sociais e que impulsa un 40% os investimentos”

Os presupostos municipais foron aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe e serán sometidos ao debate e aprobación nun Pleno o vindeiro venres 18

A rexedora adquiriu o compromiso co CES para manter unha nova reunión co fin de realizar un seguimento da situación da cidade e seguir escoitando propostas

Mércores, 09 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presentou hoxe aos axentes económicos e sociais de Lugo os orzamentos da recuperación para o 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este mércores aos membros do Consello Económico e Social (CES), o proxecto de Orzamentos para 2021. A rexedora presidiu a reunión telemática deste órgano de participación, do que forman parte representantes dos grupos políticos municipais, o empresariado, os sindicatos, a Universidade e outras administracións como a Xunta e a Deputación provincial.

As contas municipais foron, así mesmo, aprobadas na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe. Deste xeito, a tramitación dos presupostos continuará o martes coa Comisión de Contas, para ser sometidos a debate nun Pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro venres 18.

Lara Méndez lembrou que “os orzamentos de Lugo para o 2021 ascenden a 106,4 millóns de euros, crecendo un 6,5% respecto ao pasado exercicio. Trátase, polo tanto, dunhas contas expansivas e solidarias, pensadas para a recuperación do municipio, co principal obxectivo de saír reforzados da situación de crise social e económica derivada da pandemia”.

Neste senso, por primeira vez desde que o Concello acadou débeda cero no 2017, no mandato anterior, as contas municipais recorrerán a endebedarse en 7 millóns de euros para reforzar as políticas sociais e aumentar o esforzo inversor. Así, no 2021 destinaranse a estas políticas 31,2 millóns de euros, o 29,3% do orzamento, “que será o máis alto da historia da cidade destinado a fins sociais”.

Por outra banda, o capítulo de investimentos crece un 40%, pasando de 10,4 a 15 millóns de euros, o que supón, sostivo Lara Méndez, que “se investirá 14 euros de cada cen porque Lugo non pode nin debe frear o seu crecemento, e para iso é necesario desenvolver grandes e pequenas actuacións, que mellorarán a vida e o entorno da nosa veciñanza e mobilizarán recursos económicos, axudando tamén dese xeito á recuperación”.

As liñas xerais dos investimentos, nos que serán transversais a perspectiva de xénero e de loita contra o cambio climático, buscan ampliar os espazos públicos peonís; novas urbanizacións; mellora do patrimonio; máis zonas verdes e espazos de esparcemento e deportivos, así como parques infantís e canís, e melloras da conectividade, mobilidade e alumeado, tanto nos barrios como no rural.

Un esforzo inversor superior aos 49 millóns

Lara Méndez incidiu en que “coas políticas incluídas nestas contas, unidas aos investimentos desenvolvidos no último ano e sen aumentar as políticas impositivas, estamos a falar dunha mobilización de recursos superior aos 49 millóns de euros, é dicir, un esforzo inversor sen precedentes na historia de Lugo destinado a impulsar a súa segunda gran transformación, a súa dinamización, a innovación e o emprendimiento, de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado nos vindeiros anos”.

Avanzou, ademais, que a estes “49 millóns de euros se incorporarán no 2021 os remanentes necesarios para que Lugo supere esta crise como un municipio máis aberto, máis dinámico, máis diverso, máis sostible, máis competitivo e máis moderno, liderando o crecemento económico e a protección social”.

A rexedora adquiriu o compromiso co CES para manter unha nova reunión co fin de realizar un seguimento a situación da cidade e seguir escoitando propostas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación dos Orzamentos 2021 CES | Descargar mp3

Noticias relacionadas