Lara Méndez presenta o IV Plan de Igualdade de Lugo, que incorpora saúde, urbanismo, mobilidade e vivenda como eixos de actuación

A alcaldesa explica que esta folla de ruta 2021-2024 recolle 68 medidas e 28 obxectivos para traballar na consecución “dunha cidade feminista, respectuosa e máis igualitaria”.

A rexedora destacou entre as accións a desenvolver un mapeo de puntos escuros da cidade, o deseño dun transporte público seguro e libre e un estudo da igualdade no rural.

O plan, froito da participación de colectivos, asociacións, Corporación e traballadores municipais, terá indicadores de implementación e seguimento.

O programa do 25-N inclúe o acto institucional coa lectura do manifesto; unha mesa redonda e a instalacións de elementos contra a violencia machista en prazas e edificios públicos.

Martes, 23 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta o IV Plan de Igualdade de Lugo, que incorpora saúde, urbanismo, mobilidade e vivenda como eixos de actuación

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo, “unha ambiciosa folla de ruta para o período 2021-2024 que nos permitirá seguir traballando para acadar unha unha cidade feminista e máis respectuosa coa igualdade da muller, e máis concienciada contra as violencias machistas”.

“Temos a obriga como Administración de  seguir avanzando para conseguir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, polo que proxectamos accións que permitan eliminar os obstáculos que a impiden e dificultan, así como mellorar a concienciación, a educación, a prevención e a asistencia en relación coa violencia de xénero”, explicou a rexedora, que estivo acompañada da edil de Muller e Igualdade, Silvia Alonso. Lara Méndez lembrou que “dende o goberno municipal vimos traballando con estratexias firmes en prol da igualdade desde o ano 2005, cando foi aprobado o primeiro plan”

O IV Plan Municipal estrutúrase en 9 eixos de actuación, nos que se incorporan os relacionados  “coa saúde, o urbanismo, a mobilidade e a vivenda, nas que xa vimos traballando con perspectiva de xénero”, incidiu a alcaldesa.

Entre as medidas que se contempla nestes eixos destacan a demanda á Xunta de Galicia de recursos especializados no diagnóstico e tratamento de enfermidades que afectan especialmente ás mulleres, como a endometriose, a solicitude dun Xulgado de Violencia de Xénero, o deseño de medidas que aseguren un transporte público seguro e libre de agresións machistas; a realización dun estudo para a detección de necesidades de mobilidade das mulleres, especialmente daquelas con discapacidade; a realización dun mapeo de puntos escuros da cidade, e a elaboración dun estudo da incidencia das violencias machistas e as súas diferenzas nos espazos urbano e rural para poder adoptar medidas específicas en cada caso. Tamén se contempla un novo impulso a inclusión das mulleres en situación de vulnerabilidade entre os grupos prioritarios para o acceso ás axudas para a vivenda.

Estes eixos súmanse aos relacionadas coa participación cidadá en prol da promoción da igualdade, a educación, a cultura e o deporte, a formación de emprego, a prevención da violencia de xénero, a sensibilidade e comunicación, calidade de vida e a igualdade na administración local. Todas as accións serán coordinadas e impulsadas pola Concellería de Muller e Igualdade, e nelas participarán todas as áreas municipais de maneira transversal.

Lara Méndez agradeceu a participación dos diferentes colectivos, Corporación e áreas municipais na elaboración deste plan, que “segue a ser moi necesario vendo as cifras das mulleres asasinadas ás mans das súas parellas polo mero feito de ser mulleres, así como os micromachistas, que impregnan a nosa sociedade e contra as que debemos loitar”. 

O IV Plan apoia tamén a consolidación dun asociacionismo feminista forte, promovendo e potenciando o papel do Foro de Igualdade, mellorando a súa participación nas decisións municipais e establecendo mecanismos de colaboración entre a administración local e o movemento asociativo” explicaba a rexedora.

Ponse así mesmo, moita énfase na visibilización das discriminacións múltiples e en sensibilizar aos diferentes grupos de poboación en materia de igualdade de oportunidades en avanzar na accesibilidade dos servizos de apoio e a atención a vítimas de violencia de xénero, así como en detectar as necesidades en relación con todos os tipos de violencia contra as mulleres.

Outras actuacións de interese son o fomento do emprego feminino, promocionando a formación desde a perspectiva de xénero, favorecendo a conciliación e a corresponsabilidade mediante a mellora da accesibilidade dos servizos municipais, así como introducir a cultura feminina e o principio de igualdade na rede de Bibliotecas Municipais e fomentar o deporte feminino.

Programación semana de actividades do 25N

A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, presentou as actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional contra da Violencia de Xénero, que terán lugar dende o 22 ao 28 de novembro.

Entre as accións que axudarán a visibilizar esa xornada, “que segue a ser necesaria tendo sempre claro que a nosa loita é diaria”, segundo destacou a edil, é a instalación da Praza Maior dun teito de paraugas flotantes morados e negros, “para que a sociedade tome conciencia da violencia de xénero”, ou as teas negras e outros simbolismos colocados nas entradas da Praza de Abastos, do Parque de Rosalía de Castro e  do Parque da Milagrosa “como mostra de loito pola dor compartida coas vítimas de violencia de xénero”.

O 25 de novembro terá lugar unha ofenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia machista ás 17:30 horas na praza de Santo Domingo, onde se lerá un manifesto, a cargo de Rosa Arcos Caamaño. No acto tamén actuará o coro ‘Cantar Delas’.

Ás 18:30 horas, o Auditorio de O Vello Cárcere acollerá a mesa de diálogo “Violencia de xénero dixital: as sombras tras a luz da pantalla”, moderada por Dolores Varela Salgueiro, do Foro Feminista de Lugo e na que participarán: Encarni Iglesias Pereira, Presidenta da Asociación STOP! Violencia de Género Digital; Santiago Martínez Pardo, membro do grupo de Investigadores Doctorais da Universidade de Vigo, no programa de Xestión e Resolución de Conflictos, Menores, Familia e Xustiza Terapéutica; Rebeca Pilar Díaz Redondo, investigadora da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO, e María Murnao, máis coñecida como Feminista Ilustrada, unha influencer española  que conta con máis dun millón de seguidores en redes sociais.

Audio

Noticias relacionadas