Lara Méndez pon Lugo como exemplo de cidade sustentable que aposta por un turismo de calidade e de experiencias

A alcaldesa inaugura o Congreso Nacional de Turismo Experiencial, que elixiu Lugo para o seu pistoletazo de saída nun momento en que a pandemia obriga a unha transformación

A rexedora apuntou que “é fundamental potenciar un turismo acorde co modelo de cidade baseado na sostibilidade, máis amable e próximo ás persoas”

Mércores, 16 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon Lugo como exemplo de cidade sustentable que aposta por un turismo de calidade e de experiencias

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e a directora executiva de Experiencias del Destino, María Crespo Castro, inauguraron o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial.

Lara Méndez deu a benvida e fixo fincapé na importancia deste I Congreso Nacional de Turismo Experiencial destacando que “dende logo, se hai unha provincia e unha cidade na que este modelo de turismo é perfectamente válido esa é Lugo, pois contamos cunha amplia e variada oferta, o que nos converte nun referente para o turismo experiencial, comezando polos nosos tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla romana, a única do mundo que conserva íntegro o seu perímetro; a Catedral, e o Camiño Primitivo, ruta xacobea escollida por preto de 16.000 peregrinos, só no pasado ano e que ademais de patrimonio arquitectónico e cultural en Lugo, tamén contamos cun excelente patrimonio natural: o 100% do noso municipio está inmerso na Reserva da Biosfera Terras do Miño. É por iso que, especialmente nestes momentos de crise sanitaria global, debemos priorizar un turismo de calidade, menos masificado e capaz de satisfacer as demandas e intereses dos visitantes”.

A rexedora apuntou que “consideramos tamén que é fundamental potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos apostando, baseado na sostibilidade, máis amable e próximo ás persoas. Neste senso, o turismo experiencial é perfectamente compatible co modelo de cidade verde e accesible que impulsamos dende o Goberno municipal, na procura desa segunda gran transformación que experimentará Lugo, inspirada na vontade de preservar e manter a calidade dos nosos recursos, velando polo futuro”.

Ponencias e actividades complementarias

O I Congreso Nacional de Turismo Experiencial busca ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a través dun emprendemento sostible. Será, polo tanto, un punto de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e apaixados do turismo e a cultura en xeral.

Apoiándose no carácter experiencial do evento, ademais das ponencias, farase especial fincapé na realización de actividades complementarias a través de networking, workshops, visitas de campo e accións de dinamización cos asistentes. Deste xeito, celebraranse unhas Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo e, durante a fin de semana do 19 e 20 de setembro, celebrarase LugoExperience, que contemplará diferentes actividades culturais, gastronómicas, de aventura... para dar visibilidade ao comercio local.

Noticias relacionadas