Lara Méndez participa na xornada de portas abertas celebrada no CEI-Nodus que congregou a máis de medio centenar de asistentes

Mércores, 16 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez participa na xornada de portas abertas celebrada no CEI-Nodus que congregou a máis de medio centenar de asistentes

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na xornada de portas abertas celebrada no Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI-Nodus), enmarcada no movemento Localmente Lucense, durante a cal os asistentes puideron descubrir in situ o viveiro de empresas municipal que acollen estas instalacións, así como escoitar as experiencias de emprendedores lucenses que deron os seus primeiros pasos neste centro.

A xornada comezou coa benvida a cargo da concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, área dende a que se está a executar o Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial do movemento Localmente Lucense, posto en marcha polo executivo e que inclúe almorzos de negocios, formación para emprendedores, ou xornadas de portas abertas nos viveiros municipiais como a de este mércores, que reuniu a máis de medio centenar de asistentes.

O programa incluíu mesas redondas nas que empresarios e emprendedores lucenses compartiron as súas experiencias cos participantes; unha charla a cargo da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, IES Monte Castelo, sobre o programa Erasmus Plus e as posibilidades de mobilidade que ofrece a Unión Europea; así como un seminario sobre fontes de financiación para a posta en marcha de proxectos empresariais, no que tamén se explicaron as oportunidades que se lle abren ás empresas innovadoras a través da estratexia Lugo Transforma, onde se mobilizan 13 millóns de euros para reter talento, atraer empresas e crear empregos de calidade no municipio.

Finalmente, os participantes puideron participar nunha xincana para coñecer as instalacións do CEI-Nodus de xeito lúdico, que contou con tres premios de 100, 75 e 50 euros, respectivamente, en forma de vales para gastar nos negocios Localmente Lucenses.

Multimedia

  • Lara Méndez participa na xornada de portas abertas celebrada no CEI-Nodus que congregou a máis de medio centenar de asistentes
  • Lara Méndez participa na xornada de portas abertas celebrada no CEI-Nodus que congregou a máis de medio centenar de asistentes

Noticias relacionadas