Comeza o Tour do Talento poñendo en valor a cultura innovadora e artística de Lugo e dando visibilidade ás empresas do municipio

Lara Méndez participou este martes na feira Coñece aos teus polígonos e as súas empresas, que se desenvolveu ao longo do día na praza Horta do Seminario.

Paralelamente, celebráronse visitas guiadas ás exposicións do CIFP As Mercedes no MIHL e da EASD Ramón Falcón no Velló Cárcere, onde tamén houbo un taller de gravado.

Martes, 02 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza o Tour do Talento poñendo en valor a cultura innovadora e artística de Lugo e dando visibilidade ás empresas do municipio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou este martes, acompañada da edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, a feira Coñece aos teus polígonos e as súas empresas, promovida polo executivo municipal na Praza Horta do Seminario dentro da programación do Tour do Talento. Esta xira, impulsada pola Fundación Princesa de Girona da man do Concello, incluirá máis de 50 actividades ao longo de seis días, dende hoxe ata o vindeiro domingo dirixidas a conectar e fomentar o talento da mocidade lucense.

“Nesta primeira xornada do Tour quixemos poñer en valor a cultura innovadora e artística do municipio coa colaboración do CIFP As Mercedes e a Escola de Arte Ramón Falcón, que contarán con exposicións propias no MIHL e o Vello Cárcere; ao tempo que damos visibilidade e impulsamos as empresas do municipio a través desta feira, que incluirá mesas redondas con representantes de entidades punteiras na cidade”, explicou a rexedora.

Así, a I Xornada “Coñece aos teus polígonos e as súas empresas” tivo como obxectivo ser un nexo de unión e contacto entre as empresas, universidades, institutos, alumnos/as e persoas interesadas en coñecer o ecosistema empresarial e industrial de Lugo. Nela participaron representantes de empresas como Luclimat, Decathlon, Candelas, Ingapán, Fegape, Estati.co, Micofer ou Puleva.

Por outra banda, ao longo da mañá celebráronse no Vello Cárcere visitas guiadas á exposición da EASD Ramón Falcón e un obradoiro de gravado, así como a mesa redonda “As novas formas de expresión cultural”, na que participaron Karol Farias, Andres Haensel e Cris Barrio. Paralelamente, no MIHL houbo visitas a exposición “Lugo, referente tecnolóxico” a cargo do CIFP As Mercedes.

Para concluír a xornada tivo lugar na Praza Horta do Seminario a mesa redonda “Transformando a cidade: Arte urbana, unha cidade para todos” que contou coa participación de Diego As; Marcos Pereira (Concepto Circo); Álvaro Pumares (Gallos del Norte) e Gael Zarza (Gravitty).

Todas as actividades son gratuítas e abertas ao público, algunhas con aforo limitado. A información e os horarios pode atoparse na web https://tourdeltalento.org/es/evento/lugo/ onde tamén están abertas as inscricións para participar en diferentes sesións.

Noticias relacionadas